Medio Rural convoca as axudas para fomentar a contratación de seguros agrarios por 9,5 M€ no 2026

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a orde correspondente, da que se poderán beneficiar as persoas empresarias individuais ou sociedades titulares de explotacións

A porcentaxe de subvención, en xeral, acadará un máximo do 75 % do custo da póliza, sumando os fondos autonómicos e estatais aportados para esta finalidade

Desde 2017, o Goberno galego investiu máis de 60 millóns de euros para fomentar os seguros agrarios e incrementar así o nivel de aseguramento dentro do sector agrogandeiro, especialmente no ámbito agrícola, no que menos pólizas se contratan

Tanto a superficie coma os animais e o capital asegurado medran, duplicándose no caso das hectáreas ao pasar de 14.200 a máis de 31.800 no último ano

Santiago de Compostela, 15 de xaneiro de 2026

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a convocatoria das axudas da Consellería do Medio Rural para impulsar a contratación de seguros agrarios, dotada cun orzamento de 9,5 millóns de euros. O obxectivo desta medida é continuar incrementando o nivel de aseguramento nas explotacións agrarias e gandeiras, especialmente no sector da produción vexetal.

Así, con estas achegas subvencionarase a contratación en 2026 dunha ou varias pólizas de seguros e beneficiarase ás persoas empresarias individuais ou sociedades titulares de explotacións na nosa comunidade. A porcentaxe de subvención, en xeral, será dun máximo do 75 % do custo da póliza, entre fondos autonómicos e estatais. Ademais, as pólizas contratadas por entidades asociativas de agricultores e gandeiros teñen unha axuda adicional do 4 %.

Os seguros agrarios subvencionados abranguen unha gran diversidade de producións e cobren, entre outros supostos, a retirada e destrución de cadáveres de animais ou a perda de gando ou de colleitas. Cómpre salientar que as entidades aseguradoras españolas máis importantes intégranse en Agroseguro e forman parte do Sistema Español de Seguros Agrarios, considerado un dos mellores a nivel mundial.

Aposta da Xunta polos seguros agrarios

A Xunta fai unha clara aposta por incentivar o aseguramento do sector do sector agrogandeiro, especialmente no ámbito agrícola, no que menos pólizas se contratan. Desta forma, desde o ano 2027 investíronse máis de 60 millóns de euros de fondos propios para fomentar a contratación dos seguros na nosa comunidade, o que permitiu incrementar o nivel de aseguramento no sector agrogandeiro.

Só no 2025, contratáronse preto de 38.000 pólizas, que permitiron cubrir máis de 31.800 hectáreas e 40,8 millóns de animais para chegar a un capital asegurado superior aos 1.200 millóns de euros. A superficie, animais e capital non deixou de medrar nos últimos anos. De feito, a superficie duplicouse, dado que en 2017 había 14.200 hectáreas.

As explotacións agrícolas e gandeiras enfróntanse a riscos imprevisibles que poden afectar aos seus rabaños, colleitas ou producións, e que polo tanto comprometen a súa viabilidade económica. Eliminar a incerteza económica derivada destas circunstancias é un dos grandes desexos do sector produtor e das administracións públicas. O seguro agrario é un factor de enorme estabilidade do sector, un instrumento para garantir as rendas agrarias.

Cambio climático

Na produción vexetal destacan riscos como a posibilidade da destrución das colleitas ou das masas arbóreas como consecuencia de sinistros meteorolóxicos extemporáneos, os cales teñen unha tendencia a aumentar a medida que evoluciona o cambio climático. As xeadas, salpedreses, inundacións, temporais ou secas son algunhas das principais causas de perdas económicas. Por outra banda, están as enfermidades ou accidentes fortuítos que afectan ás mandas, e que supoñen a perda de animais ou das súas producións nas explotacións gandeiras.

Os seguros son voluntarios, pero a Consellería do Medio Rural considera imprescindible o aseguramento nunha explotación agraria profesional, polo que incentiva a súa contratación coa súa inclusión nos criterios de concesión das axudas agrarias, como as dedicadas á incorporación de mozos á actividade agraria ou a investimentos nas explotacións.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 15/01/2026