Medio Rural convoca achegas para compensacións complementarias por lucro cesante e a reposición de gando cun orzamento de 125.000 euros

Poderán beneficiarse aquelas explotacións nas que, por orde da autoridade competente, se levaran a cabo sacrificios ou a destrución de animais no marco dos programas de erradicación de enfermidades ou actuacións sanitarias oficiais

As axudas están destinadas a compensar o período de inactividade das explotacións nas que se determina o seu baleiro sanitario, subvencionándose en base ás marxes brutas medias das diferentes actividades produtivas das explotacións

A través destas achegas poderá subvencionarse tamén a compra de animais para repoñer a aqueles que se sacrificaran pola aplicación destes programas

Santiago de Compostela, 16 de xaneiro de 2026

A Consellería do Medio Rural publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a orde pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas de compensación complementarias por lucro cesante e achegas para a reposicións dos animais en explotacións de gando bovino, ovino e cabrún, como consecuencia do sacrificio obrigatorio de gando pola execución de programas oficiais de erradicación de enfermidades, que contan cun orzamento de 125.000 euros.

Poderán beneficiarse das achegas de compensacións complementarias aquelas persoas titulares de explotacións bovinas, ovinas e cabrúas nas que por orde da autoridade competente se levara a cabo o sacrificio obrigatorio ou a destrucións de animais por motivos de sospeita ou confirmación da presenza dalgunha enfermidade sometida a un programa de erradicación ou una actuación sanitaria oficial, como pode ser a tuberculose ou a brucelose, entre outras.

Tamén se incluirán os casos de animais das devanditas especies que morresen durante o seu manexo mentres se desenvolvían as actuacións sanitarias oficiais, e os casos de morte ou sacrificio/matanza deses animais como consecuencia da aplicación dun programa oficial obrigatorio de vacinación.

As axudas complementarias por lucro cesante están destinadas a compensar o período de inactividade das explotacións nas que se determina o seu baleiro sanitario (sacrificio de todo o gando), subvencionándose, en base ás marxes brutas medias das diferentes actividades produtivas das explotacións, tanto o período de corentena (dende o sacrificio ata que a Consellería do Medio Rural autoriza a incorporación de novos animais), como os tres meses posteriores, no caso de que o gandeiro non repoña nese tempo o gando.

Compra de animais para reposición

A través destas achegas poderá subvencionarse tamén a compra de animais para repoñer a aqueles que se sacrificaran pola aplicación dos programas oficiais. A intensidade das axudas é do 100 % dos custos subvencionables e así favorecer o desenvolvemento económico das explotacións bovinas, ovinas e cabrúas afectadas por estas enfermidades.

As axudas poderán solicitarse a partir de mañá, día seguinte á publicación desta orde no DOG, e ata o 30 de novembro de 2026.

Data de actualización: 16/01/2026