A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, asistiu hoxe á presentación deste programa xunto a representantes da Federación de Asociacións de Concesionarios da Automoción (Faconauto)

Lorenzana anuncia que desde o vindeiro 22 de xaneiro xa se poderán solicitar as axudas da Xunta para a compra de vehículos eléctricos ou de baixas emisións

O plan Renova o teu Vehículo incrementa nesta edición o seu orzamento ata os 3,5 millóns de euros, coa previsión de contribuír á venda en Galicia de 1.600 automóbiles eficientes con axudas de ata 4.000 euros que ascenden aos 4.600 se se trata de familias numerosas

Destaca que se trata dunha iniciativa que conta co recoñecemento de Faconauto, que o pasado mes de marzo outorgou á Xunta de Galicia o seu “Premio Compromiso” polo impacto social deste programa

Pontevedra, 17 de xaneiro de 2026

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, anunciou hoxe que a partir do vindeiro xoves 22 de xaneiro, e ata o 30 de setembro, xa se van poder solicitar as axudas da Xunta para a compra de vehículos eléctricos ou de baixas emisións.

Lorenzana, acompañada do director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila, e de representantes de Faconauto, informou hoxe no Pazo de Congresos e Exposicións de Pontevedra de que o plan Renova o teu Vehículo incrementa nesta edición o seu orzamento ata os 3,5 millóns de euros, coa previsión de contribuír á venda en Galicia de 1.600 automóbiles eficientes con axudas de ata 4.000 euros que ascenden aos 4.600 se se trata de familias numerosas.

A conselleira quixo poñer en valor que se trata dunha iniciativa que conta co recoñecemento da federación de concesionarios en España (Faconauto), que o pasado mes de marzo outorgou á Xunta de Galicia o seu “Premio Compromiso” polo impacto social deste programa.

Lembrou, nese sentido, que unha das principais vantaxes do Renova o teu Vehículo con respecto ao Moves estatal é que é “menos burocrático” porque a Administración autonómica fai o pagamento da axuda directamente ao establecemento de venda, sen que o beneficiario teña que desembolsala previamente. Ademais, os apoios danse en función das emisións e non do tipo de motor.

“Reiteramos en múltiples ocasións que se copie o plan de Galicia” recoñeceu, porque, segundo dixo, facilita á cidadanía a adquisición do vehículo, é máis sinxelo e para os concesionarios é, tamén, un incentivo para que poidan aumentar as súas vendas. “É o que estamos buscando: que en toda a cadea de valor vaiamos fomentando o vehículo moito menos contaminante”, concluíu.

A convocatoria

Este programa subvenciona a adquisición de vehículos novos, turismos ou furgonetas, que cumpran unhas determinadas características de emisións e que teñan un custo inferior ou igual a 42.000 euros (Impostos incluídos). Esta contía amplíase ata os 47.000 euros (impostos incluídos) para vehículos eléctricos con autonomía maior a 30 km en modo eléctrico, e en 6.000 euros adicionais cando se trate dun vehículo adaptado para a utilización de persoas con discapacidade ou se dispón de oito ou nove prazas.

 

Para poder acceder a estas axudas, en réxime de concorrencia non competitiva, será requisito imprescindible que o comprador acredite a baixa definitiva de circulación dun vehículo a achatarrar, que deberá ter unha antigüidade de, polo menos, dez anos se se trata dun turismo ou de 5 anos se é unha furgoneta. Un particular poderá adquirir un único vehículo e, no caso de ser autónomo ou empresa, ata un máximo de 10 unidades.

Agárdase que estes apoios favorezan a mobilización directa de 37 millóns de euros, así como un aforro enerxético anual equivalente preto de 350.000 litros de gasóleo.

Esta convocatoria da Xunta complementa o programa estatal MOVES III 2025, con axudas para vehículos eléctricos e infraestrutura de recarga. A Administración autonómica vén de ampliar os fondos en 14 millóns de euros coa previsión de dar resposta a todas as solicitudes recibidas en 2025.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 17/01/2026