A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático presentou o balance climatolóxico anual de 2025, elaborado por MeteoGalicia

Galicia rexistrou en 2025 o cuarto ano máis cálido das últimas seis décadas

Ángeles Vázquez explica que 2025 se caracterizou por ser un período extremadamente cálido e moi húmido

A temperatura media rexistrada foi de 14,7 graos e a precipitación media foi de 1.524 litros por metro cadrado, o que representa un 18% máis do habitual

Enxalza o papel de MeteoGalicia á hora de poñer o mellor coñecemento científico ao servizo da protección do litoral, da seguridade do mar e do futuro dos sectores que viven del

Galicia conta xa cun modelo bioxeoquímico que analiza conxuntamente todas as Rías Baixas e que permite comprender como se relacionan entre si, os niveis de osíxeno ou a dispoñibilidade de nutrientes, entre outros aspectos

Santiago de Compostela, 20 de xaneiro de 2026

Galicia rexistrou en 2025 o cuarto ano máis cálido das últimas seis décadas, segundo os datos do informe climatolóxico anual elaborado por MeteoGalicia e que hoxe foi presentado pola conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez.

Segundo os datos recollidos nas estacións de temperatura e precipitacións distribuídas por toda Galicia, 2025 caracterizouse por ser un período “extremadamente cálido e  moi húmido”, tal e como subliñou Ángeles Vázquez.

Nesa liña, a temperatura media rexistrada foi de 14,7 graos, un valor que, segundo explicou a conselleira, se considera como extremadamente cálido e que converte a 2025 no cuarto ano máis cálido desde 1961. De feito, os últimos catro  anos tiveron uns rexistros moi similares que os converten nos máis cálidos da serie histórica. E, en concreto, en 2025 rexistrouse o mes de xuño máis cálido desde que hai datos.

Máis polo miúdo, as temperaturas mínimas e máximas rexistraron uns valores medios 1,1 graos superiores ao habitual. Dos doce meses do ano, dous foron extremadamente cálidos -xaneiro e xuño- e sete moi cálidos ou lixeiramente cálidos. Pola contra, marzo foi lixeiramente frío; setembro, frío, e decembro, normal.

No que atinxe ás chuvias, Ángeles Vázquez indicou que “a precipitación media en Galicia foi de 1.524 litros por metro cadrado”, o que representa un 18% máis do habitual, polo que 2025 se considera un ano moi húmido. En concreto, xaneiro foi extremadamente húmido; abril e novembro, moi húmidos, e decembro, húmido. En contraposición, xuño foi moi seco, e xullo, agosto e outubro, secos. Os meses restantes foron normais en canto ás precipitacións.

Coñecemento científico

A maiores, a conselleira, que estivo acompañada da directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, Paula Uría, enxalzou o papel de MeteoGalicia á hora de poñer o mellor coñecemento científico ao servizo da protección do litoral, da seguridade do mar e do futuro dos sectores que viven del.

Nesa liña, indicou que a Comunidade conta xa cunha nova ferramenta para entender mellor como se comporta o mar e, especialmente, as rías. En concreto, trátase dun modelo bioxeoquímico, desenvolvido xunto con Intecmar e Cetmar, que analiza conxuntamente todas as Rías Baixas e que permite comprender como se relacionan entre si e como se move a auga dunhas a outras. Ademais, este avance tamén ofrece información sobre outros aspectos fundamentais para ó bo estado das rías e a súa produtividade, como os niveis de osíxeno ou a dispoñibilidade de nutrientes.

Segundo dixo a conselleira, estes datos tradúcense nunha mellor base para adoptar decisións que afectan ao litoral e ao mar xa que permiten anticiparnos a posibles riscos ambientais, coidar mellor dos ecosistemas mariños e apoiar de forma máis eficaz os sectores vinculados ao mar.

Nese senso, Ángeles Vázquez incidiu en que este modelo sitúa a MeteoGalicia e á Xunta nunha posición de vangarda a nivel estatal e europeo. “Supón unha ferramenta clave para avanzar cara a esa Galicia Calidade a través dunha xestión máis sostible do litoral, a protección dos ecosistemas mariños e un futuro máis resiliente nun contexto de cambio climático", concluíu.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 20/01/2026