María José Gómez destaca a aposta da Xunta polo impulso da silvicultura produtiva de coníferas e frondosas cunha nova convocatoria de 15 M€ ata 2027
A conselleira do Medio Rural visitou hoxe a comunidade de montes veciñais en man común de Loureiro, beneficiaria destas axudas na convocatoria de 2024
A partida está dividida en tres liñas diferentes destinadas á silvicultura produtiva orientada á obtención de madeira, á xestión forestal activa de masas de frondosas autóctonas e á recuperación e mellora de soutos de castiñeiro
Gómez destacou que este tipo de partidas son altamente beneficiosas para os propietarios e lembrou que o prazo da convocatoria está aberto ata o 20 de febreiro
Cerdedo-Cotobade (Pontevedra), 20 de xaneiro de 2026
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada pola directora xeral de Planificación e Ordenación Forestal, Luisa Piñeiro; e polo alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela; visitou hoxe terreos forestais propiedade da comunidade de montes veciñais en man común de Loureiro, neste concello pontevedrés, onde salientou a aposta do Goberno autonómico coa silvicultura produtiva de coníferas e frondosas a través dunha nova convocatoria dotada cun orzamento de 15 millóns de euros ata 2027.
Esta partida, explicou a titular de Medio Rural, vai destinada á silvicultura produtiva de coníferas e actuacións silvícolas con obxectivos ambientais e non produtivos en frondosas, así como á rehabilitación de soutos de castiñeiro. O seu orzamento é bianualizado e a convocatoria, que ten o prazo aberto ata o 20 de febreiro, está dividida en tres liñas de achegas diferentes.
A primeira delas pon o foco nas coníferas co fin último de fomentar a silvicultura produtiva orientada á obtención de madeira de serra e madeira técnica de alta calidade. A través dun orzamento de sete millóns de euros distribuídos entre as anualidades de 2026 e 2027 poderán subvencionarse tratamentos silvícolas como poden ser as rareas e podas altas, as rozas de penetración, a selección de pés de porvir ou o control dos aproveitamentos e control dos restos, entre outros.
María José Gómez explicou que a segunda liña está destinada á xestión forestal activa de masas de frondosas autóctonas e expuxo que o seu obxectivo é poder compatibilizar a produción de madeira de calidade coa conservación dos servizos ambientais. Así, incidiu en que as frondosas autóctonas realizan un importante labor no momento de protexer o solo dos bosques, garantir a diversidade e preservar o ciclo hidrolóxico. Conta cun orzamento bianualizado de seis millóns de euros.
Por outra banda, a terceira e última liña de achegas céntrase na recuperación e mellora de soutos de castiñeiro. Gómez matizou que con ela preténdese potenciar a produción de froito e a obtención de madeira de alta calidade procedente desta especie, en liña cos obxectivos establecidos no Programa Estratéxico do Castiñeiro e da Produción de Castaña. O investimento desta liña é de dous millóns de euros para os anos 2026 e 2027.
Comunidade de Loureiro
Gómez destacou que este tipo de partidas son altamente beneficiosas, xa que ofrecen a posibilidade de aproveitar a rendibilidade dos bosques ao tempo que se pon o foco nun aproveitamento sustentable dos seus recursos. Seguindo esta liña, destacou que a comunidade de montes de Loureiro é todo un exemplo neste sentido.
Esta comunidade recibiu estas achegas na convocatoria de 2024, cun orzamento de algo máis de 15.000 euros. Ao abeiro destas partidas puideron actuar nunha superficie de aproximadamente cinco hectáreas realizando tarefas como rozas, selección de abrochos, eliminación, extracción e triturado de restos; así como un aumento puntual da densidade mediante a plantación de frondosas caducifolias.