A conselleira do Medio Rural participou hoxe de xeito telemático na Conferencia Sectorial de Agricultura e Desenvolvemento Rural e no Consello Consultivo de Política Agrícola
Medio Rural esixe ao Goberno Central incrementar os controis de fronteira e coñecer que medidas vai implantar ante o acordo UE-Mercosur
A conselleira do Medio Rural insistiu na necesidade de que o Goberno central defenda de xeito férreo as cláusulas de salvagarda, unha cuestión irrenunciable para a Xunta de Galicia
Seguindo esta liña incidiu en que calquera produto que entre en España debe cumprir os mesmos requisitos que os dos nosos produtores, polo que se demanda un plan específico de control para reforzar as inspeccións fronteirizas
No marco das negociacións da PAC ao abeiro do novo Marco Financeiro Plurianual 2028-2034, Gómez reclamou que o anticipo dos 45.000 millóns anuais propostos pola Unión Europea sexan destinados directamente ao sector primario
Santiago de Compostela, 20 de xaneiro de 2026
A Xunta de Galicia esíxelle ao Goberno central que se incrementen os controis fronteirizos e que expoñan as medidas que se van implantar ante o acordo entre a Unión Europea e Mercosur. Así o trasladou a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, na Conferencia Sectorial de Agricultura e Desenvolvemento Rural e no Consello Consultivo de Política Agrícola.
A titular de Medio Rural reafirmou de novo que a Xunta de Galicia vai seguir traballando para defender os intereses dos agricultores e gandeiros galegos ante o acordo entre a Unión Europea e Mercosur, que está a preocupar e a causar incerteza entre os traballadores do sector primario. Así mesmo, insistiu na necesidade de que o Goberno central defenda de xeito férreo as cláusulas de salvagarda algo que, como concretou a conselleira, é unha liña vermella que non pode cruzarse.
Gómez incidiu en que calquera produto que entre en España debe cumprir os mesmos requisitos sanitarios que aqueles que se elaboran dentro do noso país e da Unión Europea. Por iso mesmo, demándase un plan específico de control para reforzar as inspeccións na fronteira. Por parte da Xunta, tal e como se dixo publicamente en varias ocasións, incrementaranse os controis en Galicia, pero é necesario que este labor vaia acompañado dun reforzo das inspeccións fronteirizas, cuestión que é competencia do Goberno central.
Máis fondos para a PAC
No marco das negociacións da PAC ao abeiro do novo Marco Financeiro Plurianual 2028-2034, María José Gómez instou a que o anticipo dos 45.000 millóns anuais propostos pola Unión Europea sexa dirixido directamente ao sector primario. Ademais, solicitouse tamén que o Goberno central destine á PAC o orzamento denominado Obxectivo Rural, é dicir, o 10 % da dotación do fondo nacional asignado.
Cómpre lembrar que Galicia leva defendendo en reiteradas ocasións que a proposta da futura PAC posterior a 2028 é lesiva para o sector primario galego, xa que implica un importante recorte de fondos e a perda dos piares actuais e diferenciados que non só garanten as axudas directas, senón tamén as partidas para o desenvolvemento rural.
Xa para rematar, a conselleira lembrou as demandas xa realizadas ante o Ministerio pola situación provocada pola dermatose nodular contaxiosa, pedindo que se rebaixe o nivel da categoría da enfermidade e que se desenvolva unha vacina marcada que poida administrarse de xeito preventivo, entre outras cuestións.