A Xunta achegou o ano pasado 27.000 euros a seis comercios da comarca de Sarria para impulsar accións de mellora da competitividade
O delegado territorial, Javier Arias, explica que se acolleron ás axudas para impulsar iniciativas de dixitalización, modernización e sostibilidade ambiental no sector comercial e artesanal
Sinalouno no marco da visita a un establecemento con motivo da nova convocatoria destes apoios, que está aberta cunha dotación de preto de 4 M€
Sarria (Lugo), 21 de xaneiro de 2026
A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración destinou o ano pasado un total de 27.100 euros a apoiar actuacións de mellora da competitividade impulsadas por seis comercios da comarca sarriá, cinco deles de Sarria e un de Paradela.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, visitou a tenda de calzado Cris Abad, que se acolleu en 2025 a estas axudas orientadas a financiar iniciativas de dixitalización, innovación e sustentabilidade ambiental promovidas por negocios locais e artesanais. Arias explicou que está aberta unha nova convocatoria dotada con preto de 4 millóns de euros.
Entre as empresas beneficiarias da zona hai tendas de moda e complementos, unha xoiaría e un comercio de alimentación.
Este programa abrangue tres liñas compatibles entre si. Unha delas está orientada á dixitalización e á innovación comercial; a outra á modernización das instalacións e unha terceira á sustentabilidade ambiental no emprego de embalaxes.
Entre as novidades deste ano destaca a simplificación administrativa e a axilización do procedemento de concesión e dos pagamentos anticipados. Tamén se amplía o período subvencionable para atender todas as actuacións realizadas desde o fin do prazo marcado na orde anterior, o 25 de outubro de 2025.
Arias destacou que esta iniciativa enmárcase no Plan Estratéxico do Comercio de Galicia 2025-2030, que recolle 74 accións específicas para promover un sector clave para a economía da Comunidade.