Corgos pon en valor o compromiso dos profesionais contables para actualizar coñecementos e achegar certezas ao tecido empresarial
O conselleiro de Facenda e Administración Pública clausurou o III Encontro de Expertos Contables
A Coruña, 21 de xaneiro de 2026
O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, puxo hoxe en valor o compromiso dos profesionais contables para actualizar coñecementos e aportar certezas ao tecido empresarial.
Durante a clausura do III Encontro de Expertos Contables, Corgos referiuse, a modo de exemplo, á publicación da sexta guía publicada polo Rexistro de Expertos Contables dirixida a procesos de fusións e adquisicións. “Unha guía –explicou- que servirá de axuda para todos os expertos contables que teñan que asesorar estas operacións, proporcionando criterios útiles para abordar situacións complexas desde o rigor contable e económico, achegando confianza a todas as partes implicadas nunha operación”.
Con independencia do tipo de operación, xa sexa entre empresas do mesmo sector, que compiten entre si, entre empresas que están dentro da mesma cadea de subministracións ou entre empresas de distintos sectores e mercado, o conselleiro de Facenda fixo fincapé na función relevante que desempeñan estes profesionais encamiñada a mitigar os distintos riscos transaccionais, a interpretación de cláusulas financeiras ou resolver controversias ou posibles conflitos.
Miguel Corgos concluíu destacando o traballo do Colexio Xeral de Economistas e o Instituto de Censores Xurados de Contas, para impulsar actividades formativas como este encontro, que permitan aos profesionais contables dispoñer dunha actualización constante daquelas cuestións máis relevantes no seu traballo presente e futuro, “algo –dixo- que redunda nun beneficio do sector empresarial en particular e da sociedade en xeral”.