A delegada da Xunta en Ferrol participou esta tarde na presentación da ‘Guía da Paisaxe do Xeoparque Cabo Ortegal’ no stand de Geoparques de España de Fitur
Aneiros destaca a relevancia de promover o patrimonio xeolóxico do Cabo Ortegal desde dunha perspectiva sostible, accesible e de calidade
O novo material turístico estrutúrase en torno a nove rutas turísticas autoguiadas e cunha duración flexible, deseñadas para achegar aos visitantes recursos singulares e representativos deste territorio
Lembrou o respaldo da Xunta ao proxecto no marco do Plan Territorial de Sustentabilidade Turística do Litoral, deseñado polo Goberno autonómico con fondos Next Generation
Madrid, 22 de xaneiro de 2026
A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, participou esta tarde no marco do desenvolvemento da 46ª Feira Internacional de Turismo (Fitur) que se está a celebrar en Madrid, na presentación da Guía da Paisaxe do Xeoparque Cabo Ortegal, un novo material turístico co que “poñer en valor o patrimonio xeolóxico e paisaxístico deste territorio desde unha perspectiva sostible, accesible e de calidade”.
A nova guía a través da que coñecer Cabo Ortegal, recoñecido como xeoparque mundial pola Unesco en 2023, estrutúrase en torno a nove rutas turísticas autoguiadas e cunha duración flexible, deseñadas para achegar aos visitantes recursos singulares e representativos deste territorio e descubrir recursos naturais de primeiro nivel como os xeosites, miradoiros e praias da zona, hasta elementos patrimoniais e etnográficos como castelos ou localidades mariñeiras.
Aneiros destacou esta iniciativa promovida pola Asociación para a Xestión do Xeoparque do Cabo Ortegal como unha “proposta pensada para fomentar un turismo pausado, consciente e respectuoso, que invita a coñecer o territorio con tempo e cunha mirada atenta” e resaltou a importancia do compoñente visual do proxecto.
Lembrou ademais o respaldo da Xunta ao proxecto no marco do Plan Territorial de Sustentabilidade Turística do Litoral, deseñado polo Goberno autonómico con fondos Next Generation e que inclúe 1,5 M€ para un Plan de Sustentabilidade do Xeoparque e incidiu na importancia da colaboración entre administracións, entidades e comunidades locais á hora de garantir a continuidade do proxecto.