O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, e o reitor da USC, Antonio López, asinaron un convenio para o deseño desta ferramenta
Xunta e Universidade de Santiago impulsan un proxecto para mellorar a atención a alumnos con enfermidades crónicas mediante avatares robóticos
Trátase dunha proposta pedagóxica innovadora que permite aos nenos hospitalizados seguir conectados coa súa clase a través de robots de tele-presenza
A experiencia piloto levarase a cabo este curso na Aula Hospitalaria do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago
O Centro de Innovación Educativa e Dixital da Consellería e o grupo de investigación TECNEOEDUC da Universidade pilotarán a súa aplicación práctica
Santiago de Compostela, 23 de decembro de 2026
A Xunta de Galicia e a Universidade de Santiago de Compostela (USC) traballarán de xeito conxunto nunha novidosa iniciativa, o proxecto Avatares, para mellorar a atención educativa a alumnos con enfermidades crónicas ou de longa duración mediante a utilización de avatares robóticos. Isto é, que os estudantes hospitalizados, a través de robots de tele-presenza, poidan seguir conectados ao seu grupo de clase e participar nas actividades e manter o contacto co profesorado e cos seus compañeiros.
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, e o reitor da USC, Antonio López, veñen de asinar un convenio de colaboración para avaliar a posta en marcha deste proxecto que pilotarán o Centro de Innovación Educativa e Dixital da Consellería e o grupo de investigación TECNEOEDUC da Universidade compostelá. No acto tamén estiveron presentes a directora e a secretaria do Instituto de Ciencias da Educación, Carmen Fernández Morante e Lorena Casal; a directora do TECNOEDUC, Beatriz Cebreiro, e o director do Centro de Innovación Educativa e Dixital, Jorge Regueiro.
Tecnoloxía para favorecer a inclusión
O proxecto Avatares é unha proposta pedagóxica innovadora que facilita a inclusión educativa deste alumnado na medida en que se mantén o vínculo escolar e social, se evita o illamento emocional e académico e se facilita a reincorporación ao centro educativo.
No caso de Galicia, a experiencia piloto levarase a cabo este curso con alumnado de Educación Primaria da Aula Hospitalaria do Complexo Hospitalario de Santiago de Compostela. Ademais, participará tamén profesorado dos centros educativos de referencia do alumnado hospitalizado, dado que os robots de tele-presenza tamén estarán dispoñibles nestes centros.
Implicación da comunidade educativa
Para a súa implementación, o Centro de Innovación Educativa e Dixital da Consellería será o encargado de coordinar, conforme aos protocolos existentes, a posta en marcha do estudo piloto, garantir a implicación de toda a comunidade educativa e informar aos centros implicados da finalidade do proxecto Avatares e do bo uso dos sistemas de tele-presenza.
Pola súa parte, a Universidade de Santiago de Compostela, a través do grupo de investigación TECNOEDUC, achegará o coñecemento e os recursos para a posta en marcha con carácter experimental, deste proxecto, incluídos catro sistemas de tele-presenza (robots AV1).
Así mesmo, ambas partes elaborarán un estudo para avaliar o impacto desta tecnoloxía no sentimento de pertenza escolar, o benestar emocional e social e a redución do illamento durante os períodos de hospitalización e convalecencia destes nenos.
Trátase pois, de avanzar nunha metodoloxía pedagóxica para a integración de robots sociais no sistema educativo como recurso para a inclusión do alumnado naqueles casos de largos períodos de ausencia escolar, facilitando a súa posterior reincorporación ao centro educativo.
Con esta iniciativa piloto, a Xunta da Galicia busca avanzar un novo chanzo na mellora da atención á diversidade como un dos piares da calidade do sistema educativo galego.