A condonación da débeda e o modelo de financiamento autonómico propostas polo Goberno central supoñen un prexuízo para os galegos de case 1.000 M€

A Comunidade galega pasaría a estar peor financiada que nunca, ao situarse por riba da media os territorios con maior capacidade recadatoria

O Goberno galego amosa o seu rexeitamento ante unha proposta que non garante financiamento suficiente para prestar os servizos públicos precisos para a cidadanía

O conselleiro de Facenda e Administración Pública reclamou no Parlamento o apoio dos grupos para que o Goberno español retire a proposta e emprenda a negociación multilateral dun modelo con máis recursos e que ofreza un financiamento equitativo

Santiago de Compostela, 27 de xaneiro de 2026

O modelo de financiamento autonómico e a condonación da débeda propostas polo Goberno central supoñen un prexuízo para os galegos de case 1.000 millóns de euros, 600 millóns de incremento da débeda e 305 millóns menos que a media das CC.AA. de réxime común na proposta do Sistema de Financiamento Autonómico.

A suposta condonación da débeda ofrecida polo Goberno é unha mutualización da mesma, porque aínda que baixa a débeda autonómica en 4.000 M€, sube a participación da poboación galega na débeda do Estado en 4.600 M€. Ademais, na proposta do novo modelo de financiamento, a Comunidade galega recibiría 305 M€ menos da media das comunidades de réxime común. O modelo, que aumentaría  o financiamento autonómico en 21.000 millóns, segundo anunciou a ministra de Facenda, destina un 2,8% a Galicia, que representa o 6% da poboación xeral e o 6,5 % da poboación axustada. Por todo iso, Miguel Corgos cualificou a oferta como “especialmente prexudicial para a nosa comunidade”.

O conselleiro de Facenda e Administración Pública compareceu hoxe no Parlamento de Galicia para explicar o rexeitamento do Goberno galego ante a proposta dun novo modelo do Sistema de Financiamento Autonómico (SFA). Miguel Corgos explicou que nela se substitúe a solidariedade pola ordinalidade, polo que as CC.AA. recibirían recursos en función do que achegan ao fondo común, en lugar de facelo en función do que precisan para prestar os servizos públicos para a cidadanía en condicións de igualdade.

Deste xeito, afirmou que a Comunidade galega pasaría a estar peor financiada que nunca, ao situarse o financiamento dos territorios con maior capacidade recadatoria por riba da media. Por vez primeira, o modelo non garante a discriminación positiva para os territorios con máis necesidades, senón que favorece a quen ten maior capacidade tributaria.

Para o conselleiro de Facenda isto é o resultado dunha proposta que está feita “a medida para unha comunidade” o que supón un agravio para as outras, “porque o que é de todos tense que repartir entre todos”, seguindo criterios de equidade e solidariedade interterritorial para que, “calquera español, con independencia do seu lugar de residencia, poida acceder a uns servizos públicos de calidade e en igualdade de condicións”.

Miguel Corgos rexeitou un modelo que “penaliza a Galicia”, dándolle menor peso na ponderación da dispersión e do avellentamento; coa creación de dous fondos discrecionais dos que Galicia só recibe pouco máis do 1% do total, e coa achega de recursos “non só insuficientes, senón menos dos que din”, xa que a cantidade a maiores respecto do sistema actual non sería de 21.000 M€ senón de 16.000 M€, ao ir incluídos impostos que xa recadan as CC.AA. Polo tanto, para Galicia non serían 587 M€, senón menos de 400 M€. En conclusión, “pasaríamos de estar un pouco por riba da media (103%) a estar moi por baixo (96%), nas últimas posicións”.

O responsable de Facenda galega quixo aclarar que non se trata dunha postura partidista, posto que todas as CC.AA. rexeitan a proposta, xa que “atenta contra a igualdade e a solidariedade recoñecidas na Constitución Española.“ Ademais, varios organismos independentes, como o Foro Económico de Galicia ou Fedea consideran que a proposta é mala, como tamén denunciou o ex presidente da Xunta, Emilio Pérez-Touriño.

Polo tanto, Corgos pediu aos grupos parlamentarios que esixan ao Goberno central que retire a proposta e que loiten por un modelo que premie a boa xestión, “pois a responsabilidade fiscal e a xestión eficiente do gasto son piares inseparables dun sistema xusto e sostible no tempo” e que recoñeza a dispersión e o avellentamento da poboación como factores “obxectivamente máis custosos para a prestación dos servizos” na Comunidade galega.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 27/01/2026