A Consellería do Medio Rural destaca o potencial de Galicia na produción de aceite de oliva
Santiago de Compostela, 28 de xaneiro de 2026
O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, mantivo hoxe unha reunión con produtores de aceite de oliva na nosa comunidade e destacou o potencial de Galicia no cultivo de oliveira para a obtención deste produto.
Neste sentido, desde a Consellería do Medio Rural estase traballando para favorecer o desenvolvemento das oliveiras autóctonas. De feito, e tal e como avanzou a conselleira María José Gómez, neste mesmo ano vaise iniciar a produción de planta de oliveiras certificadas de variedades autóctonas no Centro de experimentación agraria do Baixo Miño, situado en Salceda de Caselas, co obxectivo de que os produtores poidan dispoñer delas e tamén para continuar estudándoas.