O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude fixo balance de todo o proceso para actualizar este documento
A Xunta remata o traballo de campo para a renovación do Plan de normalización da lingua con máis de 400 contactos e 1.400 propostas
López Campos puntualiza que “finalizadas as entrevistas aumentáronse os prazos, a petición das comisións, para procesar a documentación con total autonomía e capacidade de decisión”
Neste senso, indica que “agardamos recibir nas vindeiras semanas o informe definitivo tras o que seguiremos insistindo en acadar o maior consenso posible polo galego”
Ademais, reitera que xa se puxeron en marcha outras medidas ao abeiro do Pacto pola Lingua como cursos específicos en diversos ámbitos e sectores profesionais
Santiago de Compostela, 28 de xaneiro de 2026
As 11 comisións de expertos que durante os pasados meses estiveron traballando na actualización do Plan xeral de normalización da lingua galega finalizaron o proceso participativo con máis de 400 contactos e 1.400 propostas, coas que están a elaborar o documento definitivo que entregarán á Xunta de Galicia no marco do Pacto pola Lingua. Así o anunciou hoxe no Parlamento o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, que explicou que “finalizadas as entrevistas aumentáronse os prazos de entrega, a petición das propias comisións, para poder procesar a cantidade de documentación con total autonomía e capacidade de decisión”.
Neste senso, o responsable de Lingua do Executivo autonómico puntualizou que agarda contar co informe nas vindeiras semanas co que, dixo, “seguiremos insistindo en acadar o maior consenso posible a prol do uso do galego”. Así mesmo, indicou que “estamos nun momento histórico para a nosa lingua, comprometidos con pór en marcha o plan de maneira inmediata, unha vez estea aprobado, de xeito transversal implicando a todas as áreas do Goberno”.
Iniciativas postas en marcha para impulsar o uso do galego
Neste contexto, o conselleiro resaltou que, ademais do proceso de actualización do Plan xeral de normalización, ao abeiro do Pacto da Lingua tamén se puxeron en marcha outras medidas inmediatas para fomentar e prestixiar o uso do idioma en moi diversos eidos e sectores profesionais. Así, realizáronse máis de 100 cursos de cultura e lingua galegas para persoas provenientes de fóra de Galicia nos que participaron máis de 1.500 persoas. A estes, engadiu, hai que sumarlles outras propostas formativas en ámbitos moi específicos como o do sanidade ou o da xustiza.
Ademais, a través dun convenio entre a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e a Consellería de Facenda e Administración Pública ofrécense na Escola Galega de Administración Pública 100 cursos de linguaxe administrativa e xurídica galegas para o persoal vencellado a estes ámbitos, nos anos 2026 e 2027, aumentando en 250 as prazas dispoñibles con respecto ao ano pasado.
Así mesmo, López Campos tamén destacou que no 2025 desenvolvéronse, por primeira vez, as probas Celga en liña, para as que se recibiron máis de 600 solicitudes, avanzando deste xeito no obxectivo de chegar a máis persoas para validar e acreditar o dominio da lingua galega.