A conselleira reuniuse hoxe con representantes do consello regulador dos selos de calidade Ternera Gallega e Vaca Gallega – Buey Gallego
Medio Rural e Ternera Gallega intensificarán a súa colaboración para ampliar a promoción dos produtos
A conselleira María José Gómez trasladoulle o apoio da Xunta ante o novo escenario no comercio internacional e lembrou o programa de medidas para defender o agro galego ante o acordo entre a Unión Europea e Mercosur, elevado esta semana ao Consello da Xunta
Este paquete contempla, ademais do apoio á promoción e exportación de produtos galegos, a posta en marcha dun Observatorio de Prezos e un plan de control específico en Galicia sobre os produtos importados
Santiago de Compostela, 28 de xaneiro de 2026
A Consellería do Medio Rural e as Indicacións Xeográficas Protexidas Ternera Gallega e Vaca Gallega-Buey Gallego intensificarán a súa colaboración para ampliar a promoción e comercialización dos produtos amparados baixo estes selos de calidade. Así o afirmou hoxe a titular de Medio Rural, María José Gómez, despois de manter unha xuntanza de traballo cos representantes do consello regulador.
Nesta reunión, na que tamén estiveron presentes o director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros; e o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, Gómez trasladoulles o apoio da Xunta ante o novo escenario no comercio internacional.
Tal e como mencionou onte en Madrid Fusión, esta mesma semana elevouse ao Consello da Xunta un completo programa de medidas para defender o agro galego ante o acordo entre a Unión Europea e Mercosur. Así, lembrou que dentro desta estratexia se inclúe unha acción específica para reforzar a promoción dos produtos galegos de cadea de distribución curta e de proximidade, a través de apoio ao sector produtor ou mediante a realización de feiras e actos, especialmente daqueles con indicativo de calidade.
Este paquete contempla, ademais, o impulso a unha estratexia de exportacións de produtos galegos; a posta en marcha dun Observatorio de Prezos, o que permitirá facer un seguimento continuo do mercado; e un plan de control específico en Galicia sobre os produtos importados, a través do cal se farán avaliacións de residuos de substancias non permitidas, como poden ser fitosanitarios ou antibióticos, ao tempo que se comprobarán as condicións sanitarias. Ao tempo, fortalecerase a supervisión en materias como a etiquetaxe, a calidade ou a trazabilidade.