A conselleira do Medio Rural respondeu unha pregunta no Parlamento sobre este asunto

María José Gómez reivindica que a Xunta actúa con responsabilidade e firmeza na defensa do sector primario galego diante do acordo UE-Mercosur

A titular de Medio Rural lembra que o Goberno galego se adiantou coa presentación dun paquete de medidas propio e insta ao Executivo central a que concrete que vai facer diante deste novo escenario de comercio internacional

Debullou as diferentes medidas que se impulsarán pola Xunta para facer efectiva esa defensa, como a creación dun Observatorio de prezos, un plan de control específico en Galicia, o reforzo á promoción dos produtos galegos ou o impulso á súa exportación

Indicou que tamén se solicitou que non se aplique o acordo de xeito provisional mentres non queden plenamente blindadas as garantías para agricultores e gandeiros recollidas no Regulamento de salvagardas

Así mesmo, a Xunta reclama a incorporación de máis indicativos de calidade galegos ás denominacións protexidas polo acordo, xa que actualmente só hai dous, fronte aos 14 de Andalucía ou os 10 de Cataluña

Santiago de Compostela, 28 xaneiro de 2026

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, reivindicou esta tarde no Parlamento que a Xunta actúa “con responsabilidade e firmeza” na defensa dos intereses do sector primario galego diante do tratado UE-Mercosur e esixe o mesmo ao Goberno central. En resposta a unha pregunta sobre o asunto, a conselleira subliñou que o Goberno galego defende o comercio internacional, pero nunca “a costa do sector primario galego nin en condicións de competencia desleal”.

Gómez insistiu en que o Goberno galego mantivo desde o primeiro momento un contacto continuo co sector, escoitou as súas preocupacións diante deste acordo e trasladounas ao Ministerio de Agricultura, mesmo antes de que o propio sector se manifestara. Este compromiso co sector volve poñerse de manifesto agora tras a presentación do paquete de medidas elevado esta semana a Consello, co que a Xunta se adiantou ao Goberno central, “do que aínda estamos esperando que concrete que vai facer diante deste novo escenario que se abre”, remarcou.

Por todo isto, trasladou a conselleira, a Xunta solicitou xa en varias ocasións que non se aplique o acordo de xeito provisional mentres non queden plenamente blindadas as garantías para agricultores e gandeiros recollidas no Regulamento de salvagardas. Ao tempo, reclama a Bruxelas un incremento do fondo de continxencia para crises e unha maior dotación financeira para a nova PAC, por entender que que esta disposición de recursos é máis necesaria que nunca ante a variabilidade e a inestabilidade a nivel global.

Fronte común por unha PAC forte

Asemade, e sobre este mesmo asunto, o Goberno galego seguirá fomentando unha fronte común coas organizacións profesionais agrarias, as asociacións sectoriais e tamén as comunidades autónomas para defender esa PAC forte, diferenciada e con menos burocracia para o sector.

Dentro do paquete de medidas elevado ao Consello da Xunta está tamén solicitar ao Ministerio un incremento de controis de fronteira e, desde as competencias de Galicia, implantarase un plan específico de control sobre os produtos importados, incrementando o número de inspeccións sobre aspectos como a correcta etiquetaxe e a trazabilidade, a orixe real e a calidade efectiva dos produtos ou a loita contra fraudes e imitacións das marcas de calidade galegas.

Gómez engadiu que, neste mesmo sentido, porase en marcha o Observatorio de prezos de Galicia, para facer un seguimento continuo da  evolución do mercado; reforzarase a promoción dos produtos galegos, das canles curtas de distribución e de proximidade; e impulsarase a exportación. Así mesmo, realizaranse campañas de sensibilización dirixidas aos consumidores para que sigan interiorizando a marca Galicia Calidade.

Por último, a conselleira reiterou a necesidade de que o Goberno central faga un maior esforzo na defensa do sector agrogandeiro galego. Nesta liña, criticou que no acordo hai 59 indicativos de calidade españois protexidos, pero só dous son galegos. Porén, advertiu que Galicia é a terceira comunidade de España con máis marcas de calidade (un total de 36) e que doutros territorios incluíronse no tratado ata 14 distintivos, como é o caso de Andalucía, ou 10 en Cataluña.

 

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 28/01/2026