A Xunta recibe 5 ofertas para executar as obras de mellora da seguridade viaria na intersección da estrada autonómica po-255 en Covelo
Trátase de actuar na intersección en "T" entre esta vía autonómica e a estrada provincial EP-5104, dando maior visibilidade ao vehículos nos xiros á esquerda, reforzando a seguridade viaria e facendo máis cómoda a circulación
Ademais, inclúese o reforzo do firme dun treito desta estrada autonómica
Santiago de Compostela, 31 de xaneiro de 2026
A Xunta recibiu 5 ofertas para a execución das obras para a mellora da seguridade viaria na intersección do punto quilométrico 31+540 da estrada PO-255, no concello de Covelo, licitadas por 226.775€.
A intervención permitirá actuar na intersección en "T" entre esta vía autonómica e a estrada provincial EP-5104, dando maior visibilidade ao vehículos nos xiros á esquerda, reforzando a seguridade viaria e facendo máis cómoda a circulación. Tamén se inclúe o reforzo do firme dun treito da PO-255.
En concreto, entre as obras previstas está a ampliación nesta contorna da plataforma da PO-255. Resólvese así a intersección cun xiro á esquerda, pero ampliando a plataforma para engadir un carril central de espera. Ademais, no quilómetro 0+050 da PO-255 prevese habilitar unha “bágoa” que permita o cambio de sentido aos vehículos que veñen de ambas as estradas en sentido decrecente.
Na intervención a executar inclúese, ademais, a execución dun carril de espera entre os puntos quilométricos 0+080 e 0+095, que dá acceso a un ramal directo de nova execución cara á EP-5104. No espazo morto executarase un illote.
O único movemento non contemplado no proxecto de trazado, tampouco permitido na actualidade, é o cambio de sentido na PO-255, en sentido de avance.
O Goberno galego continúa mellorando a rede viaria autonómica para reforzar a seguridade viaria e a comodidade dos usuarios, así como para impulsar unha mobilidade máis segura e sostible.