María José Gómez avanza un reforzo á promoción do mel de Galicia con selo de calidade para ampliar o seu coñecemento nacional e internacional

A conselleira do Medio Rural participou na inauguración da V Feira Internacional de Apicultura Alvariza que se celebra a fin de semana en Lalín

Gómez salientou que o sector apícola é “estratéxico” para Galicia polo seu peso económico (somos a 3ª autonomía con máis explotacións) e tamén polo seu papel esencial na conservación do medio ambiente e na preservación dos ecosistemas rurais

Reiterou o apoio da Xunta ao mel galego e lembrou que onte mesmo se publicou no Diario Oficial de Galicia (DOG) unha nova orde de axudas para este eido produtivo, dotadas con 1,4 millóns de euros

Lalín (Pontevedra), 31 xaneiro de 2026

A Xunta reforzará a promoción do mel de Galicia con selo de calidade diferenciada, co fin de ampliar o seu coñecemento tanto no ámbito nacional como internacional. Así o avanzou hoxe a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, na inauguración da V Feira Internacional de Apicultura Alvariza que se celebra esta fin de semana en Lalín, dentro da programación de actividades da Feira do Cocido, e que está impulsada polo apicultor local David Liñares. A conselleira subliñou que este reforzo á promoción e á comercialización do produto galego enmárcase no paquete de medidas aprobado esta mesma semana no Consello da Xunta para defender o sector primario da nosa comunidade ante as implicacións do tratado UE-Mercosur.

A titular de Medio Rural estivo acompañada neste evento polo director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros; o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte; e o alcalde lalinense, José Crespo.

Neste contexto, Gómez puxo en valor o “papel fundamental” da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Mel de Galicia, un selo que -dixo- garante orixe, calidade e confianza para o consumidor. Asemade, reiterou o apoio “absoluto” da Xunta ao sector e lembrou que onte mesmo se publicou no Diario Oficial de Galicia (DOG) unha nova orde de axudas para este eido produtivo, dotadas con 1,4 millóns de euros.

A conselleira salientou ademais que “se alguén representa á perfección o espírito de Galicia Calidade” ese é o sector apícola da nosa comunidade, un eido “con moita proxección de futuro” e atractivo para que as novas xeracións se instalen no rural e atopen nel unha oportunidade laboral.

Neste mesmo sentido, fixo fincapé en que o eido apícola é “estratéxico” para Galicia, non só polo seu peso económico, dado que somos a terceira autonomía con máis explotacións, senón tamén polo seu papel esencial na conservación do medio ambiente e na preservación dos ecosistemas rurais. Remarcou ademais que a nosa comunidade é unha das que ofrece maior calidade e diversidade dentro de España. Isto, engadiu, combinado co coidado no proceso produtivo, fai que os meles galegos trunfen dentro e fora das fronteiras do noso territorio.

Proba dese éxito, afirmou a conselleira, é o feito de que os produtores acadaran máis de dez medallas de ouro e platino no concurso internacional Paris Honey Awards 2026 e que precisamente David Liñares fora galardoado cunha medalla de platino neste certame. Gómez trasladoulle os parabéns e animouno a seguir innovando neste sector.

Medio cento de expositores

A Feira Internacional de Apicultura Alvariza contará coa participación de arredor de medio cento de expositores, vinculados ao sector apícola e aos produtos derivados do mel. Entre eles atópanse empresas especializadas, produtores, provedores de material apícola e entidades relacionadas coa investigación e a innovación no sector.

A presenza de participantes procedentes de distintos puntos de Galicia e doutros territorios reforza o carácter internacional e profesional da feira, consolidándoa como un referente no ámbito apícola.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 31/01/2026