A Xunta salienta a traxectoria da Asociación de Artesáns de Ourense a prol da visibilidade e posta en valor dos oficios tradicionais
Santiago de Compostela, 1 de febreiro de 2026
O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, acompañado pola xerente da Fundación Artesanía de Galicia, visitou esta semana a sede da Asociación de Artesáns de Ourense (ADAO) e reuniuse coa súa presidenta, Olga Santos, e con outros membros do equipo directivo da entidade. Durante o encontro tiveron a oportunidade de coñecer máis polo miúdo o traballo da asociación e os proxectos en marcha para a promoción e posta en valor da artesanía ourensá, explorando posibles de colaboración.
Gabriel Alén destacou o firme apoio da Xunta ao labor de ADAO e puxo de manifesto o seu labor fundamental a prol da profesionalización, a visibilidade e a continuidade dos oficios artesanos en Galicia. Así mesmo, destacou a súa contribuición no eido da divulgación e da proxección da marca Artesanía de Galicia. O director xeral sinalou tamén que, no marco do vixente Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025–2030, o Goberno galego impulsará programas de formación e transmisión do saber artesanal, como Aprender da tradición: oficios e técnicas, e que en 2026 se poñerán en marcha bolsas para aprendices asociadas a este programa.