A Xunta propón medidas de protección patrimonial ao Plan urbanístico Alfageme para salvagardar as naves históricas sen que se impida a construción de vivendas

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude asegura que o informe sectorial busca preservar axeitadamente estes bens, catalogados no patrimonio industrial galego

Demanda accións correctoras nos usos terciarios, que deberán adaptarse para que poida convivir o desenvolvemento urbanístico en Vigo co debido coidado patrimonial

Santiago de Compostela, 30 de xaneiro de 2026

A Xunta de Galicia propón medidas de protección patrimonial ao Plan urbanístico especial de reforma interior Beiramar-Alfageme, no concello de Vigo, co obxecto de salvagardar as naves históricas situadas neste espazo, catalogadas dentro do patrimonio industrial galego. Así o fai no informe sectorial da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, no que establece accións correctoras que, en todo caso, non impiden nin afectan á construción de vivendas neste espazo.

Cómpre lembrar que este departamento autonómico é o encargado de velar, a través da Dirección xeral de Patrimonio Cultural, pola conservación do patrimonio en todo o territorio da Comunidade. Neste caso concreto, e debido a importancia destas naves —protexidas polo propio Plan Xeral de Ordenación Municipal de Vigo— para a paisaxe cultural e industrial da cidade, fixo que fose necesario que a avaliación ambiental estratéxica exixida para este tipo de proxectos contase cun informe sectorial da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude. 

Neste senso, incidir en que se trata dun informe técnico que dá continuidade ao proceso administrativo e no que a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, atendendo á documentación presentada polos promotores, propón diversas medidas correctoras e protectoras que afectan só aos usos terciarios do plan, que son aqueles que teñen que ver co emprego de espazos comúns que se ceden habitualmente aos concellos, co fin de compatibilizar os seus usos co mantemento dun elemento histórico de grande importancia para a paisaxe cultural e industrial da cidade. Deste xeito, estas propostas deberán ter sidas en conta nos seguintes pasos do procedemento para garantir o nivel de protección axeitado destas naves, de modo que poida convivir o desenvolvemento urbanístico coa exixida protección patrimonial.

Data de actualización: 30/01/2026