A Xunta e a Fiscalía Superior de Galicia afondan na colaboración para a loita contra o acoso escolar, a prevención do absentismo e o apoio ao profesorado

O conselleiro Román Rodríguez aborda coa nova fiscal superior, Carmen Eiró, liñas de traballo conxuntas e o aproveitamento de sinerxías ao servizo da mellora educativa

Santiago de Compostela, 3 de febreiro de 2026

A Xunta de Galicia e a Fiscalía Superior de Galicia estreitan a súa colaboración en distintos aspectos do eido educativo como a loita contra o acoso escolar, a prevención do absentismo ou o apoio ao profesorado, entre outros.

Así o puxeron de manifesto hoxe o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, e a nova fiscal superior de Galicia, Carmen Eiró, nunha reunión de traballo no que tamén participaron o secretario xeral técnico da Consellería, Manuel Vila, e a directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández. Segundo sinalou Román Rodríguez, este encontro é unha primeira toma de contacto que ten como obxectivo “afianzar unha liña de cooperación estable de cara ao futuro en temas de vital importancia para o bo funcionamento do noso sistema educativo”.

Na xuntanza púxose de manifesto a boa disposición á colaboración mutua co fin de implementar liñas de traballo en aspectos prioritarios para a Xunta como é a loita contra o acoso escolar, a prevención do absentismo ou no eido dos docentes como a posta en marcha da nova Oficina de atención ao profesorado. Trátase, pois, de aproveitar a experiencia e o coñecemento de cada unha das partes para a mellora de protocolos de actuación e, en definitiva, garantir unha mellor atención educativa.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 03/02/2026