A Xunta mellora a sinalética e a imaxe da estación de autobuses de Ribadeo no marco do compromiso do Goberno galego coa conservación destas infraestruturas

A directora xeral de Mobilidade, Judit Fontela, visitou hoxe a estación, na que a Xunta apoiou a colocación de sinais e imaxes no interior e no exterior do edificio co obxectivo de facilitar a información ás persoas usuarias

As actuacións levadas a cabo en Ribadeo enmárcanse no investimento de case 400.000 euros da Administración autonómica destinado o ano pasado para mellorar as paradas e estacións de autobuses da comunidade

A contía prevista para este 2026 nestas medidas achégase aos 630.000 euros

Ribadeo (Lugo), 4 de xaneiro de 2026

A directora xeral de Mobilidade, Judit Fontela, visitou hoxe as actuacións levadas a cabo na estación de autobuses de Ribadeo, nas que a Xunta investiu o ano pasado case 7.000 euros co obxectivo de facilitar á información ás persoas usuarias. Así, entre as actuacións executadas, inclúese a mellora da sinalización nos andéns e nas xanelas das taquillas e de información, a instalación de vinilos, fotografías e unha mapa da localidade, así como a colocación da renovada marca Ribadeo para identificar a estación como un lugar clave para a mobilidade do municipio. Neste concello prestan servizo unha vintena de liñas de autobús para conectar coa Mariña, Lugo e A Coruña cunha media de 13.000 servizos anuais que o ano pasado facilitaron a mobilidade de máis de 141.000 persoas con orixe ou destino ao municipio.

Os traballos levados a cabo en Ribadeo enmárcanse no investimento de case 400.000 euros destinado o ano pasado pola Administración autonómica á mellora e conservación das paradas e estacións de autobuses de Galicia. Nesta liña, a directora xeral de Mobilidade anunciou que a contía prevista para novas actuacións deste tipo neste ano achégase aos 630.000 euros.

Cómpre engadir que a estas medidas súmanse as previstas no xa iniciado Plan de mellora da seguridade e accesibilidade das paradas de autobús que a Xunta ten en marcha nas estradas autonómicas para a mellora de 1.100 paradas de autobús en toda Galicia, o que supón un investimento total de 35 millóns de euros.

Judit Fontela puxo en valor o compromiso da Xunta pola intermodalidade nas sete grandes cidades xunto co mantemento e a mellora das paradas e as estacións de autobuses no resto da comunidade. Fixo fincapé na importancia destas infraestruturas nas zonas máis rurais co obxectivo de contribuír aos desprazamentos da cidadanía en transporte público aos núcleos de maior poboación, reducindo os traxectos en vehículo privado.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 04/02/2026