A Xunta e Agadea convocan o V Premio de Literatura Infantil ‘Simbad para o Recordo e o Alzhéimer’
O secretario xeral da Lingua salienta “o papel e forza da literatura para acadar a través do afecto unha conexión interxeracional e coa nosa lingua”
As persoas participantes teñen ata o 1 de xullo para presentar os seus orixinais, que poderán pertencer a calquera xénero propio da literatura infantil
Santiago de Compostela, 5 de febreiro de 2026
O secretario xeral da Lingua, Valentín García, participou hoxe na presentación da V edición do Premio de Literatura Infantil Simbad para o Recordo e o Alzhéimer. Trátase dunha iniciativa impulsada pola Asociación Galega de Axuda aos Enfermos con Demencia Tipo Alzhéimer que conta co apoio da Xunta de Galicia, co obxectivo de sensibilizar sobre esta doenza entre a cativada e establecer vínculos a través da literatura entre as distintas xeracións.
O representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, salientou a consolidación deste certame e animou a todos os creadores e creadoras a participar neste proxecto. Neste senso, puxo en valor “o papel e a forza da literatura para acadar, a través do afecto, unha conexión interxeracional e tamén coa nosa lingua”.
A respecto deste premio, Valentín García gabou que “consegue achegar a rapazada cos problemas e doenzas que, por idade, lle resultan moitas veces alleas”. Ademais, destacou que a través desta proximidade entre maiores e máis novos “tamén se propicia estreitar vencellos da mocidade coa nosa lingua, sobre todo con expresións atesouradas polos avós, que se ven recollidas, reflectidas e recuperadas nestas creacións”.
Na rolda de prensa, que tivo lugar no pazo de San Roque, tamén participaron a presidenta de Agadea, Isabel Gey, e os escritores Francisco Castro e Ánxela Gracián, padriño e secretaria do Premio, respectivamente.
Promoción da literatura en galego
O Premio de Literatura Infantil Simbad para o Recordo e o Alzhéimer, no que colabora a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, parte da inspiración dunha obra pioneira neste campo en Galicia, Chamádeme Simbad (2009), de Francisco Castro, e busca sensibilizar sobre as devanditas enfermidades, así como promover a literatura infantil e xuvenil en galego.
As persoas interesadas en participar deben ser maiores de 18 anos e poderán enviar os seus textos inéditos desde hoxe ata o 1 de xullo. A temática das obras, que poderán ser novela, poesía, álbum ilustrado ou novela gráfica, terá que estar relacionada co alzhéimer, a memoria e os recordos, a sensibilización das demencias, as persoas anciás, as actividades interxeracionais, as persoas coidadoras ou demais temáticas arredor destas doenzas.
A persoa galardoada, que recibirá 3.000 euros e terá a posibilidade de ver publicada a súa obra, será anunciada en setembro co gallo do Día Mundial do Alzhéimer e unirase, deste xeito, a Raquel Castro, Ignacio Vidal, Irene Alonso , Ángela María Curro e Rita Doallo, distinguidos nas catro primeiras edicións deste premio. As bases completas da convocatoria e o proceso de participación poderán consultarse no Portal da Lingua Galega.