A ATRIGA destaca o seu compromiso para facilitar o cumprimento das obrigas tributarias e o esforzo na loita contra a fraude fiscal

A directora da Axencia Tributaria de Galicia, Sonia Lafont, inaugurou esta mañá as XIV Xornadas Técnicas de Fiscalidade e Contabilidade

A Coruña, 6 de febreiro de 2026

A directora da Axencia Tributaria de Galicia, Sonia Lafont, destacou hoxe, durante a inauguración das XIV Xornadas Técnicas de Fiscalidade e Contabilidade, o compromiso da ATRIGA para facilitar o cumprimento das obrigas tributarias e o esforzo na loita contra a fraude fiscal.

Nesta liña, no ámbito dos pagamentos, Sonia Lafont recordou que, unha vez implantadas as posibilidades de pagamento mediante calquera tarxeta con TPVs físicas e virtuais, mediante domiciliación, mediante plataformas como bizum ou mediante xiro postal ou PDAs dos carteiros rurais, a Xunta ampliou a posibilidade de pagamento a través de entidades financeiras non colaboradoras que pertencen ao ámbito SEPA, xa sexa mediante transferencia ou mediante domiciliación.

“E ampliamos tamén a asistencia na confección das autoliquidacións a presentar. Unha asistencia que comezamos prestando en 2023 para o modelo 620, transmisión de vehículos usados, e que estendemos no 2025 a outras operacións do imposto sobre transmisións”, engadiu, subliñando que este esforzo para o cumprimento voluntario en todos os ámbitos, estase vendo acompañado nunha diminución dos índices de litixiosidade. Non en van, a día de hoxe, as reclamacións presentadas reducíronse nun 6% respecto ao ano anterior e case nun 34% respecto aos anos anteriores ao valor de referencia.

Ao longo da súa intervención, Sonia Lafont referiuse tamén á importancia da labor dos colaboradores sociais, entre eles os economistas e asesores fiscais, destacando que a cifra de colaboradores dos colexiados alí presentes incrementouse nun 9% respecto ao ano anterior.

E non quixo finalizar sen destacar a importancia da formación e actualización dos coñecementos tributarios, á que contribúe, asegurou, a realización de foros coma este, nos que debater e analizar diferentes puntos de vista sobre a materia.

Con este fin, avanzou que a Atriga celebrará en maio, por segundo ano consecutivo unhas xornadas para poñer en común os criterios, revisar os contidos e estudar a última xurisprudencia na materia tributaria autonómica.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 05/02/2026