O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude visitou hoxe unha das persoas que recibiron a axuda o ano pasado
López Campos agarda “continuar acompañando á xuventude" coa convocatoria o luns da segunda edición do Bono Emancípate
A Xunta aumenta nun millón de euros, ata os 3 M€, o orzamento destinado a este programa cuxas bases se publican no Diario Oficial de Galicia o 10 de febreiro
Lembra que no 2025 “chegamos a máis de 1.000 persoas, e queremos seguir apoiando a máis mozos e mozas nos primeiros pasos para independizarse”
Incide en que “coñecer experiencias reais aínda nos motiva máis para seguir traballando e mellorando nesta proposta, que complementa outras políticas”
A iniciativa enfócase na adquisición de mobiliario, certos electrodomésticos, artigos de decoración, enxoval de cociña, obxectos de baño ou téxtil
Santiago de Compostela, 5 de febreiro de 2026
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, expresou hoxe o seu desexo de “continuar acompañando á xuventude nos seus proxectos de vida” coa segunda edición do Bono Emancípate, cuxa convocatoria se publica o martes no Diario Oficial de Galicia, “apoiando así a moitos máis mozos e mozas galegas nos primeiros pasos para independizarse, tras chegar coas axudas a máis de 1.000 persoas o ano pasado”.
Así o destacou o representante da Xunta nunha visita que realizou, acompañado pola directora xeral de Xuventude, Lara Meneses, a unha das persoas que recibiron esta achega no 2025, na primeira edición da iniciativa, “que resultou ser todo un éxito, cunha alta demanda que superou a 3.700 solicitudes”. Por iso, puntualizou, “incrementamos nun millón máis, ata os 3 millóns de euros, o orzamento destinado este ano a esta proposta coa que pretendemos colaborar na emancipación da mocidade doutra maneira, cos primeiros gastos do fogar, complementando as políticas de vivenda do Goberno galego”.
Deste xeito, López Campos comprobou de primeira man como se materializaron estas axudas, centradas en sufragar a adquisición de mobiliario ou diversos artigos como os decorativos, obxectos do baño, enxoval de cociña, téxtil ou certos electrodomésticos esenciais, co caso dunha moza compostelá que recibiu 1.500€ para iniciar a posta en marcha o seu piso na modalidade de alugueiro.
Un exemplo, apuntou o responsable autonómico de Xuventude, “do noso compromiso e implicación coa nosa mocidade, dando resposta ás súas demandas e sendo conscientes das dificultades que supón hoxe en día independizarse nunha vivenda propia”. Neste senso, reflexionou, “coñecer as experiencias reais, como esta, aínda nos motiva máis para seguir traballando e mellorando neste camiño”.
Axudas para menores de 36 anos
López Campos aproveitou a visita para lembrar que a convocatoria está dirixida a persoas menores de 36 anos que cumpran cunha serie de requisitos, recollidos nas bases que se publicarán o próximo luns.
Ademais, explicou que se pode acceder ás axudas tanto no caso de vivir como arrendatarias, polo que o importe a recibir será de 1.500€ (584 persoas beneficiarias no 2025), ou nunha vivenda adquirida en propiedade, para o que a contía será de 3.000€ (482 casos na convocatoria pasada).
Unha vez concedidas e comunicadas as axudas, faranse efectivas a través dunha tarxeta moedeiro virtual que se poderá utilizar só en compras que se realicen en comercios físicos en Galicia “apoiando así tamén ao noso tecido comercial”, apuntou López Campos.