A Xunta celebra dez anos de aposta polo mellor cinema miúdo internacional no Gaiás con ‘Pequefilmes’

O festival terá lugar na Cidade da Cultura desde o venres 27 de febreiro ata o domingo 1 de marzo con máis de 80 curtas dunha vintena de países

Moitas das proxeccións foron premiadas ou seleccionadas nalgúns dos festivais máis salientables do mundo como Tribeca Film Festival, DOK Leipzig, Clermont-Ferrand, ou Sitges – Festival Internacional de Cine Fantástico de Cataluña

A programación acolle a peza galega ‘Dra. Paciente’, así como o filme ‘Gilbert’, nominado este ano aos Goya na categoría de mellor curtametraxe de animación

As entradas xa están á venda en Ataquilla e no despacho de billetes do Museo Gaiás

Santiago de Compostela, 7 de febreiro de 2026

A Xunta de Galicia xa ten preparada a programación para celebrar o décimo aniversario do festival de curtametraxes Pequefilmes. A proposta deste ano acolle 80 películas dunha vintena de países que converten a Cidade da Cultura no escaparate do mellor cinema de animación internacional para a cativada.

A iniciativa, que terá lugar na fin de semana do 27 de febreiro ao 1 de marzo, é unha das citas audiovisuais infantís con maior traxectoria en Galicia. Trátase, ademais, dunha aposta da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude por cultivar o gusto polo cinema desde idades temperás, e por fomentar o espírito crítico das nenas e nenos, que son os encargados de votar e escoller as mellores curtametraxes que serán premiadas no festival.

Pequefilmes conta con proxeccións distribuídas en tres salas clasificadas por idades no Museo Centro Gaiás: Vagalumes, para as pequenas e pequenos de 0 a 3 anos; Miñocas, a partir de 4 anos, e Fanecas, dirixida ás nenas e nenos de 7 anos en adiante. As entradas para asistir xa poden adquirirse de maneira anticipada en Ataquilla e no despacho de billetes do Museo Centro Gaiás.

Ademais das seccións oficiais a concurso, esta edición inclúe dúas propostas paralelas de balde. Por unha banda, Pequefilmes renova o seu acordo co festival Clermont-Ferrand, un dos máis recoñecidos do mundo, para achegar a Galicia unha escolma de obras exhibidas en Francia. Por outra, o público poderá gozar dalgunhas curtas premiadas ao longo da década de traxectoria do certame galego.

O mellor cinema infantil internacional

Moitas das pezas que se proxectarán ao longo da fin de semana foron premiadas ou seleccionadas nalgúns dos festivais de animación máis importantes do mundo como o Tribeca Film Festival (Estados Unidos); o New York International Children’s Film Festival (Estados Unidos); o DOK Leipzig (Alemaña), Stuttgart International Festival of Animated Film (Alemaña); o Sitges – Festival Internacional de Cine Fantástico de Cataluña ou Clermont-Ferrand (Francia). Así, os nenos e nenas poderán gozar dalgúns títulos salientables como Somos todos peixes, nomeado co Premio Nacional de Animación de Portugal 2024, ou The Refusers, que se fixo co galardón Nature Trickstar no ITFS Stuttgart 2025.

A cita tamén conta con representación galega da man da curta Dra. Paciente, de Anahí Sotelo García e Daniel Rodríguez Palacios, así como da curta española Gilbert, de Alex Salu, Arturo Lacal e Jordi Jiménez, nominada este ano aos Premios Goya na categoría de mellor curtametraxe de animación.

Alento a creación desde a infancia

Pequefilmes tamén inclúe na súa programación obradoiros para espertar a creatividade e o gusto polo sétimo arte desde idades temperás. Nesta ocasión, os nenos e nenas poderán gozar dunha actividade para experimentar co cinema de sombras chinesas, impartida por Iria Fafiá, así como unha proposta a través da que crear un zootropo para articular a súa primeira curta de animación da man de Belén Veleiro.

Na web www.cidadedacultura.gal pode consultarse toda a información detallada.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 07/02/2026