A Xunta e o Concello de Oímbra avanzan no desenvolvemento rural do municipio e en recursos para a prevención de incendios forestais

Santiago de Compostela, 6 de febreiro de 2026

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada polo director xeral de Defensa do Monte, Manuel Francisco;  polas directoras xerais de Planificación e Ordenación Forestal, Luisa Piñeiro; e da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Paz Rodríguez, mantivo hoxe un encontro coa alcaldesa de Oímbra, Ana Villarino. Nesta xuntanza analizaron as diferentes ferramentas impulsadas pola Consellería para fomentar o desenvolvemento rural e tamén os diferentes recursos a disposición dos concellos para afondar na prevención de incendios forestais.

Neste sentido, avaliaron o estado do polígono agroforestal de Oímbra, que se atopa en fase de procedemento de concorrencia, e que prevé recuperar unha superficie de 21,76 hectáreas de terra agraria útil no municipio. No ámbito da prevención de incendios forestais, púxose en valor o novo convenio para a xestión da biomasa nas faixas secundarias, co que se presta apoio aos concellos e propietarios para realizar a limpeza desas zonas máis próximas ás vivendas. Así mesmo, tamén se lembraron outras accións que se lle ofrecen aos concellos para colaborar na loita contra o lume.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 06/02/2026