A Xunta presenta solucións para evitar as acumulacións de auga no CEIP Xunqueira 1 nunha reunión coa Ampa e o equipo directivo
O director territorial explicou as actuacións previstas e trasladou unha mensaxe de tranquilidade
A Xunta executará unha drenaxe provisional mentres o Concello renova a rede de pluviais
Pontevedra, 6 de febreiro de 2026
O director territorial da Consellería de Educación en Pontevedra, César Pérez Ares, mantivo unha reunión coa dirección e o AMPA do CEIP Xunqueira 1, acompañado dunha técnica da Consellería, co obxectivo de analizar a situación provocada polas intensas choivas das últimas semanas e explicar as medidas que se van adoptar para evitar novas acumulacións de auga no centro.
Durante o encontro, Pérez Ares trasladou unha mensaxe de tranquilidade á comunidade educativa e detallou as actuacións previstas pola Xunta para dar saída á auga que se acumula na zona máis baixa do recinto, especialmente na contorna do auditorio e do pavillón.
En concreto, a Consellería executará unha zanja provisional duns 150 metros ao longo do perímetro da parcela do instituto, aproveitando a pendente natural do terreo, co fin de conducir a auga e evitar que se concentre nos puntos máis sensibles do centro. Esta actuación permitirá drenar a auga acumulada e minimizar o risco de incidencias en episodios de choivas intensas.
Ademais, tendo en conta que o Concello se comprometeu a acometer a renovación da rede municipal de pluviais na contorna do centro, a Xunta prevé actuar sobre a rede de pluviais do propio centro educativo para conectala coa nova rede municipal, garantindo así unha solución definitiva ao problema.
O director territorial subliñou o compromiso da Xunta para dar unha resposta rápida e eficaz ás necesidades dos centros educativos, asegurando condicións axeitadas de seguridade e funcionamento para alumnado e profesorado tanto a curto prazo, coa creación desa zanja perimetral, como a medio prazo, unha vez o concello renove as infraestruturas da rede municipal.