De cara a reactivar o convenio de cesión do albergue de peregrinos deste municipio

A Xunta segue pendente do compromiso expreso do Concello de Redondela de que asume a vixilancia e seguridade da exposición de Sargadelos

Turismo de Galicia vén solicitando formalmente dito compromiso desde 2024

Santiago de Compostela, 6 de febreiro de 2026

En contestación á información do Concello de Redondela na que este afirma que leva máis dun ano á espera de que a Xunta remita o convenio de cesión do albergue para reabrir a exposición de Sargadelos, Turismo de Galicia lembra que a Xunta, dado o valor e a importancia desta mostra para todos os galegos, segue pendente de que o concello faga chegar o expreso recoñecemento por escrito de que asume as obrigas recollidas no acordo de cesión, especificamente aquelas que garanten as medidas de vixilancia e seguridade da mostra. Dito compromiso foille solicitado de modo formal en agosto de 2024 e reiterado posteriormente.

En concreto, solicítase o compromiso de que o goberno local garanta as condicións de garda e seguridade da mostra sendo o Concello de Redondela o responsable da mesma na súa totalidade, xestionando a súa apertura e peche e tamén asegurando a súa integridade cun sistema de vixilancia e seguridade que controle e supervise o propio concello e que dea cobertura a calquera incidente que se poida producir. Ademais, a súa apertura non debe interferir na actividade e funcionamento do albergue.

Turismo de Galicia amosa a vontade de colaboración co goberno local, así como a disposición a retomar o convenio de cesión do albergue ao Concello de Redondela tal e como lle trasladou o director de Turismo á alcaldesa.

Data de actualización: 06/02/2026