O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude visitou a zona acompañado polo delegado territorial e o director xeral de Patrimonio Cultural

A Xunta actuará de urxencia para reparar os danos causados pola chuvia na muralla romana de Lugo

As fortes precipitacións rexistradas nas últimas xornadas provocaron un derrube entre as portas do Carme e de Santiago

José López Campos informa que o seu departamento comezará a traballar “coa maior celeridade” para garantir a conservación deste ben Patrimonio da Humanidade

Lugo, 8 de febreiro de 2026

A Xunta de Galicia actuará de urxencia para reconstruír e reparar os danos causados polas fortes chuvias na muralla romana de Lugo. Así o anunciou hoxe o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, nunha visita á zona na que onte se rexistrou un desprendemento de pedras na que estivo acompañado polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, e polo director xeral de Patrimonio Cultural, Ángel Miramontes.

Neste senso, o responsable autonómico de Cultura explicou que as intensas precipitacións rexistradas nas últimas xornadas provocaron un derrube no lenzo interior da muralla á altura da rúa do Moucho e nun tramo que está comprendido entre as portas do Carme e de Santiago. “Trátase dun desprendemento que afortunadamente non provocou danos persoais e que afectou a un lenzo interior que non pertence ao trazado orixinal da muralla, senón que é froito dunha reconstrución posterior que se fixo aproximadamente nos anos vinte do século pasado”, apuntou López Campos.

“A muralla de Lugo, como ben de valor universal excepcional, é e será obxecto das intervencións necesarias para preservar a súa conservación”, afirmou o conselleiro antes de engadir que o seu departamento “traballará de emerxencia e coa maior celeridade posible para solucionar as patoloxías causadas pola auga”. De feito, técnicos da Dirección xeral de Patrimonio Cultural fixeron onte á noite unha primeira visita e, segundo avanzou López Campos, está previsto que xa mañá se comece a traballar. Así mesmo, nos vindeiros días realizarase unha inspección completa do trazado para comprobar se existen danos nalgún outro punto aproveitando a monitorización feita ao abeiro do Plan director.

Por outra banda, o representante do Goberno galego explicou que o valor e a importancia deste monumento fixo que Lugo sempre ocupara un lugar destacado no compromiso do Goberno galego co patrimonio cultural. Proba disto é que desde que foi declarada Patrimonio da Humanidade pola Unesco, un recoñecemento que celebrou o pasado ano o seu 25 aniversario, a Administración autonómica investiu máis de 10M€ en 60 actuacións. “Este é un compromiso que nos permitiu velar pola conservación dun dos patrimonios máis icónicos e recoñecibles da nosa Comunidade e que agora, ante estes acontecementos, cobra aínda máis forza”, apuntou.

Cómpre lembrar que a muralla romana de Lugo, declarada Patrimonio da Humanidade pola Unesco no ano 2000, xa rexistrou derrubes a causa das choivas en anteriores ocasións. A última, pouco despois do seu recoñecemento, afectou á zona localizada nas inmediacións do hospital de Santa María.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 08/02/2026