Rueda anuncia a nova Lei de aprendizaxe permanente para atender os cambios sociais, tecnolóxicos e laborais e garantir a formación durante toda a vida

Destaca que cómpre actualizar a norma vixente, de 1992, centrada principalmente no obxectivo de que os adultos obteñan un título de ensino básico, algo que hoxe en día xa ten a maioría dos galegos

O conselleiro de Educación resalta que a previsión é “poder derivar ao Parlamento a nova normativa a inicios de 2027”

A nova lei asegura a formación continua dos maiores de 18 anos e presta atención a grupos como a poboación migrante ou colectivos desfavorecidos

Aglutinarase por primeira vez baixo a mesma normativa toda a oferta autonómica, tanto da Consellería de Educación como doutros departamentos

Desenvolverase unha plataforma dixital onde poder consultar as opcións existentes, con calendarios, localizacións ou requisitos, entre outra información

Santiago de Compostela, 9 de febreiro de 2026

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou que o Consello aprobou hoxe iniciar os trámites para a nova Lei de aprendizaxe permanente de persoas adultas que busca “adaptar a formación continua aos cambios sociais, tecnolóxicos, académicos e laborais” rexistrados nas últimas décadas.

O novo texto, que vai supoñer un cambio completo de enfoque nas ensinanzas para a cidadanía de 18 ou máis anos, substituirá a Lei de educación de adultos, de 1992 para adaptala “ás novas realidades”, indicou o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, quen salientou que se traballa co obxectivo “de poder enviar o texto ao Parlamento a inicios de 2027”.

Tal e como explicou o presidente, ata agora, a lei centrábase en que un adulto puidese obter un título de ensino básico logo de non logralo nos seus anos de escolarización obrigatoria. “Este xa non pode ser o obxectivo principal porque a gran maioría da poboación xa conta con esta formación”, salientou. Por iso, a futura norma fíxase como obxectivo a formación permanente ao longo da vida, de xeito que unha persoa poida cualificarse, recualificarse e ter así novas oportunidades de traballo.

“Deixamos atrás un vello paradigma. Estamos nunha transición cara un aprendizaxe permanente que busca unha poboación máis preparada para facer fronte aos retos do mercado de traballo e da sociedad actual”, resaltou o conselleiro.

Datos que explican o cambio

Os datos explican a necesidade deste cambio de enfoque. Só tendo en conta a oferta formativa non universitaria da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, obsérvase que nos últimos anos se acada unha matrícula de 62.000 persoas, que supón un 24,43% máis comparado co ano previo á pandemia, o curso 2018/19. Agora ben, existen importantes diferenzas en función da tipoloxía de ensinanzas neste eido.

Dado que a maior parte da poboación xa conta cun título de ESO ou bacharelato, prodúcese un gran descenso de alumnos en ensinanzas iniciais (-46,44%), educación secundaria para persoas adultas (-45,48%), ou bacharelato para persoas adultas (-45,81%). Así, estas tres modalidades suman 7.101 estudantes no actual curso. Pola contra, experimentan un notable incremento as ensinanzas de réxime especial (+16,72%), as ensinanzas non regradas (+46,56%) e a formación profesional de adultos (+101%). En conxunto, estas tres tipoloxías reciben na actualidade 54.985 alumnos.

Ademais, estase a producir un auxe do alumnado estranxeiro, con máis de 5.000. De feito, na formación profesional representan un 10,76% do total e, en ámbitos como o ensino de español nas escolas de idiomas, hai unha alza do 300% e, nas ensinanzas non regradas, a aprendizaxe de castelán e galego para inmigrantes sobe un 100%.

Idiomas, alfabetización dixital, acollida...

Estes datos evidencian a necesidade dun cambio real de enfoque, de maneira que estas ensinanzas cumpran a súa función social e respondan ás necesidades actuais de Galicia, fomentando a acollida dos novos galegos e acompañando o conxunto da poboación, que poida ter a posibilidade de atopar a formación que precisa en calquera momento, con independencia da súa idade, mesmo se deciden cambiar a súa traxectoria laboral.

O coñecemento da nosa lingua e cultura, o desenvolvemento persoal e social, a conexión co mercado laboral e a contribución á equidade, a inclusión e a mellora dunha sociedade en constantes cambios son así obxectivos prioritarios para a Xunta na nova lei, que tamén velará por garantir a alfabetización dixital e evitar así unha fenda tecnolóxica.

Con este cambio de enfoque, Galicia alíñase ademais cos obxectivos da UE, establecidos no Plan europeo de aprendizaxe de persoas adultas 2030, e no Plan de acción do piar europeo de dereitos sociais, que establece que, para esa data, polo menos o 60% das persoas adultas deben participar anualmente en actividades de formación continua.

Colectivos de especial interese

O conselleiro de Educación indicou que esta poboación divídese en dous grandes colectivos: grupos en situación de vulnerabilidade e poboación adulta que busca a mellora profesional ou académica. Nos primeiros inclúense persoas con baixo nivel educativo, poboación migrante, poboación reclusa e persoas pertencentes a colectivos sociais desfavorecidos. Pola súa banda, no segundo grupo están traballadores sen cualificación académica ou profesional, persoas que necesitan actualizarse para adaptarse ás novas demandas do mercado laboral, persoas que desexan ampliar a súa formación e darlle continuidade e, por último, persoas que precisan mellorar a súa integración e desenvolvemento persoal e social.

Con este fin, por primeira vez aglutinarase baixo a mesma normativa toda a oferta autonómica de aprendizaxe permanente, non só a ofrecida pola Consellería de Educación, senón tamén a que imparten outros departamentos do Goberno galego. Para facilitar o acceso da poboación ás distintas opcións existentes, Román Rodríguez indicou que se creará “unha plataforma dixital que aglutinará toda a oferta formativa autonómica” na sexa posible consultar as diferentes opcións dispoñibles, calendarios, localizacións ou requisitos, entre outros aspectos.

Orientación e redución de trámites

A configuración dun sistema integrado prestará especial atención aos labores de información e orientación, de tal forma que as persoas que desexen mellorar a súa formación ou cualificación estean acompañadas e asesoradas á hora de facelo. Tamén se deberán simplificar os trámites e procedementos, de maneira que se facilite o ingreso. E, finalmente, garantir a innovación que xa se dá noutras ensinanzas e a formación dos formadores, que estean tamén actualizados e adaptados aos novos requirimentos.

Búscase tamén avanzar na alfabetización dixital universal, de tal forma que as persoas adultas aprendan a desenvolverse mellor coas novas ferramentas tecnolóxicas, algo fundamental para a equidade e a inclusión na nosa sociedade. Para iso, a nova lei avanzará na integración das novas tecnoloxías, incorporando igualmente as vantaxes da intelixencia artificial. Tamén se favorecerá a formación a través de medios dixitais, de tal forma que, mantendo as opcións presenciais, a cidadanía dispoña de opcións a distancia, accesibles a calquera persoa desde calquera lugar, algo especialmente relevante para o rural galego e que reclama actualmente a poboación traballadora.

Tres novos instrumentos de coordinación

A lei desenvolverase a través de tres instrumentos. Por unha banda, elaborarase unha Estratexia galega de aprendizaxe permanente, que recollerá os obxectivos e liñas de actuación mediante unha oferta global e integrada no conxunto de Galicia. Incluirase nela un novo sistema de avaliación e acreditación de competencias básicas, que permitirá acreditar os logros acadados e facilitará o acceso a outras formacións.

Así mesmo, crearase unha Comisión interdepartamental, que incluirá a todos os axentes que realizan formación e atención ás persoas adultas, e actuará como receptora de todas as ofertas. Finalmente, o Consello Galego de Aprendizaxe Permanente de Persoas Adultas será o órgano consultivo no desenvolvemento da lei.

 

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 09/02/2026