A Xunta mantén aberto o prazo de solicitude das axudas para comprar vehículos eléctricos ou de baixas emisións
O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, explica que o programa busca incentivar a adquisición de automóbiles eficientes por parte de particulares ou empresas, con axudas de ata 4.000 euros ou 4.600 no caso de familias numerosas
Lugo, 9 de febreiro de 2026
A Xunta convocou as axudas do Plan Renova o Teu Vehículo para adquirir vehículos eléctricos ou de baixas emisións, dirixido a particulares e a empresas. O prazo de presentación de solicitudes comezou o 22 de xaneiro e estará aberto ata o 30 de setembro ou ata o esgotamento do crédito do programa.
O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, visitou hoxe os concesionarios Fergil Auto e Ceao Motor, dous dos 11 establecementos da capital lucense adheridos a esta nova convocatoria.
Arias subliñou que este ano volve haber moita demanda destas axudas, en especial por parte dos particulares; e lembrou que o ano pasado o crédito dispoñible para persoas físicas esgotouse en aproximadamente un mes e medio. En todo caso, de momento aínda quedan fondos.
A contía das achegas pode chegar ata os 4.000 euros ou, no caso das familias numerosas, aos 4.600. A iniciativa conta cun orzamento de 3,5 millóns de euros e estímase que contribuirá á venda duns 1.600 automóbiles eficientes.
Para simplificar a tramitación, a Administración autonómica fai o pagamento da axuda directamente ao establecemento de venda, sen que o beneficiario teña que desembolsala previamente. Ademais, os apoios danse en función das emisións e non do tipo de motor.
Detalles da convocatoria
Esta medida do Instituto Enerxético de Galicia (Inega) subvenciona a adquisición de vehículos novos, turismos ou furgonetas, que cumpran unhas determinadas características de emisións e que teñan un custo inferior ou igual a 42.000 euros. A contía amplíase ata os 47.000 euros para vehículos eléctricos con autonomía maior a 30 quilómetros en modo eléctrico; e en 6.000 euros adicionais cando se trate dun vehículo adaptado para a utilización de persoas con discapacidade ou se dispón de oito ou nove prazas.
Para poder acceder a estas axudas, en réxime de concorrencia non competitiva, será requisito imprescindible que o comprador acredite a baixa definitiva de circulación dun vehículo a achatarrar, que deberá ter unha antigüidade mínima de 10 anos no caso dun turismo ou de 5 anos se é unha furgoneta. Cada particular poderá adquirir un único vehículo e, no caso de ser autónomo ou empresa, ata un máximo de 10.
Agárdase que estes apoios favorezan a mobilización directa de 37 millóns de euros, así como un aforro enerxético anual equivalente preto de 350.000 litros de gasóleo.