Medio Rural pon en valor o acordo coas organizacións agrarias galegas para reclamar en Madrid e Bruxelas unha PAC forte e con fondos diferenciados

O director xeral da PAC e do Control da Cadea Alimentaria salientou o consenso acadado cos sindicatos durante a súa intervención na xornada de peche do proxecto Laktis: sustentabilidade no sector lácteo da cornixa cantábrica, celebrada na sede central de Clun

Ames (A Coruña), 10 de febreiro de 2026

O director xeral da PAC e do Control da Cadea Alimentaria da Consellería do Medio Rural, Juan José Cerviño, participou este mediodía na xornada de peche do proxecto Laktis: sustentabilidade no sector lácteo da cornixa cantábrica, que tivo lugar na sede central de Cooperativas Lácteas Unidas (CLUN) no concello de Ames.

O relatorio do director xeral centrouse na nova PAC posterior a 2028 e, neste sentido, lembrou que onte mesmo a Xunta e as organizacións profesionais agrarias alcanzaron un acordo de consenso sobre esta materia. O acordo plasmouse nun documento que se vai someter á aprobación final no próximo pleno do Consello Agrario Galego, que terá lugar o vindeiro día 20 deste mesmo mes, e logo trasladarase ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e ás instancias comunitarias, por incluír peticións para ambas institucións.

O texto, tal como explicou Cerviño, contempla as principais demandas que xa viña facendo a Xunta desde que se coñeceu a proposta da Comisión Europea (CE) para a futura PAC. Así, por parte do Goberno galego sempre se defendeu unha Política Agraria Común forte, con recursos suficientes e con fondos diferenciados. Tamén, que blinde a actual arquitectura, na que non só se inclúen as axudas directas, senón tamén os fondos para o desenvolvemento rural.

Neste sentido, o director xeral sinalou que o devandito acordo rexeita ademais, explicitamente, o recorte orzamentario para Galicia de cando menos un 22 % -o que se traduce nuns 80 millóns de euros anuais- e censura o novo modelo, por estar máis centralizado nos estados membros e rexións, deixando en mans dos seus gobernos a cantidade de fondos e a porcentaxe de cofinanciamento destinados ás axudas da PAC. Do mesmo xeito, tamén se lle esixe ao Goberno central que as melloras propostas pola CE (o Obxectivo rural e o anticipo da revisión intermedia), sexan implantadas en España polo importe máximo que supoñen estas medidas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 10/02/2026