A Xunta dá luz verde ambiental a proxectos para o cambio de uso de solo forestal a agrícola de varias parcelas nos concellos de Salceda de Caselas e Arbo
As resolucións da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático non prevén que estas iniciativas teñan impactos significativos sobre a contorna se se cumpren os condicionantes fixados no propio informe ambiental e na documentación avaliada
Este é un paso máis na tramitación dos expedientes e os IIA non eximen ao promotor da obriga de obter todas as autorizacións, licenzas, permisos ou informes exixibles para a execución e desenvolvemento do proxecto
Santiago de Compostela, 11 de febreiro de 2026
A Xunta de Galicia acaba de dar luz verde ambiental con condicións a dous proxectos para o cambio de uso ou funcionalidade de solo forestal a agrícola de varias parcelas en dúas parroquias, nos concellos pontevedreses de Salceda de Caselas e Arbo.
Segundo conclúen os informes de impacto ambiental (IIA) emitidos pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, non son previsibles efectos adversos significativos na contorna derivados dos proxectos sempre que no seu desenvolvemento se cumpra cos condicionantes fixados tanto nos documentos ambientais e na restante documentación analizada como nas propias resolucións autonómicas.
Neste sentido, os informes foron elaborados no marco do procedemento de avaliación de impacto ambiental simplificada destas iniciativas, uns trámites nos que a documentación presentada polo promotor foi sometida a participación pública ao tempo que foron consultados os organismos interesados.
Froito desas consultas, as entidades realizaron a súa valoración e fixaron condicionantes que se engaden aos incluídos nos programas de vixilancia ambiental que recollen as dúas resolucións da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade.
Neste sentido, esas avaliacións consideran que o proxecto non vai ter impactos significativos nos distintos eidos analizados e que sería viable a súa posta en marcha sempre que se cumpra con certos condicionantes establecidos nos seus respectivos informes con relación a aspectos tales como a protección da atmosfera, poboación e saúde; da auga e dos leitos fluviais; da fauna e da vexetación e outros valores naturais; do solo e das infraestruturas; do patrimonio cultural, así como a xestión de residuos e a integración paisaxística e restauración.
Unha vez emitidos os IIA, que non eximen ao promotor da obriga de obter todas as autorizacións, licenzas, permisos ou informes que resulten legalmente exixibles para poder desenvolver os proxectos, remitironse as resolución ao órgano substantivo e daráselles publicidade tamén a través do Diario Oficial de Galicia e da páxina web da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático.
Obxecto da iniciativa
Os proxectos, promovidos por Bodegas Eidosela, SCG, buscan implantar viñedos mediante o cambio de funcionalidade ou solo de solo forestal a agrícola. No caso de Salceda de Caselas, a iniciativa abrangue unha superficie de 11,36 hectáreas localizada no monte veciñal en man común da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común (CMVMC) de Soutelo, na parroquia homónima.
En canto ao proxecto previsto no Concello de Arbo, o cambio de funcionalidade ou uso do solo afecta a 10,97 hectáreas. Con todo, a superficie efectiva do cambio é de 8,97 hectáreas, debido a que unha parte do ámbito atópase dentro do contorno de protección dun elemento cultural.
En xeral, en ambos casos trátase de zonas de montes ocupadas por plantacións forestais de piñeiro e eucalipto, xunto con algunhas frondosas autóctonas e zonas rasas.