A Xunta eleva a vermella a alerta no litoral do noroeste da Coruña desde as últimas horas deste mércores

Mantense a alerta laranxa por fenómenos costeiros no resto do litoral galego

Incídese na importancia de seguir as medidas de protección e de extremar as precaucións, e aconséllase consultar a páxina web do CIAE 112 (www.axega112.gal), que conta con información meteorolóxica e con ligazóns de interese

Coa fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, o Goberno galego informou da situación, entre outros, aos concellos da provincias afectadas; deputacións, servizos provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil e aos clubs náuticos

Santiago de Compostela, 11 de febreiro de 2026

A Xunta eleva nas últimas horas deste mércores a vermella a alerta por fenómenos costeiros adversos no noroeste da Coruña e mantén a alerta de nivel laranxa no resto do litoral galego.

Co fin de garantir a seguridade dos bens e das persoas, a  Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, informou da situación a través do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia aos concellos das provincias afectadas; deputacións, servizos provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil e aos clubs náuticos, entre outros.

Atendendo a estas circunstancias, a Secretaría Xeral para o Deporte da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, anuncia para o xoves 12 de febreiro a suspensión no mar da actividade deportiva federada e do programa Xogade. Os concellos afectados e os horarios de vixencia das alertas poden consultarse na web Deporte Galego.

Así mesmo, e ante as previsións de forte ondada, a Xunta recoméndalle á cidadanía manterse afastada da liña de costa, isto é, diques, rompentes e paseos marítimos. Tamén que se extremen as medidas de seguridade á hora de realizar calquera actividade no mar e que se revisen os cabos e amarres das embarcacións.

Aconséllase consultar a páxina web do CIAE 112 (www.axega112.gal), que conta con información meteorolóxica e con ligazóns de interese.

Data de actualización: 11/02/2026