A Xunta reivindica o papel das comunidades no próximo marco financeiro plural da UE na Conferencia para asuntos relacionados coa Unión Europea

O conselleiro de Presidencia Xustiza e Deportes, Diego Calvo, participa por videoconferencia na 66ª Reunión plenaria da CARUE, onde criticou que tras case catro anos sen celebrarse este encontro non fose presidido polos ministros de Política Territorial e de Asuntos Exteriores

Tamén critica que o Ministerio non atendese a petición das comunidades para reducir os puntos da orde do día que impediron abordar en maior profundidade e detalle o debate do Marco Financeiro Plurianual da UE

Solicita coñecer a postura do Goberno central sobre este asunto e insta a que se convoque a próxima reunión antes do verán

Na xuntanza, o conselleiro puxo en valor o traballo desenvolvido na redacción da Declaración Galicia e a súa posterior aceptación por unanimidade na reunión da delegación española no Comité Europeo das Rexións o pasado outubro en Santiago de Compostela

Santiago de Compostela, 11 de febreiro de 2026

 O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, participou hoxe xunto co director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, por videoconferencia na 66ª reunión plenaria da Conferencia para Asuntos Relacionados coa Unión Europea (CARUE). Na súa intervención criticou, por unha parte, que o encontro non fose presidido polos ministros de Política Territorial e Memoria Democrática, Ángel Torres, e o de Asuntos Exteriores, Unión Europea e Cooperación, José Manuel Albares tras case catro anos sen convocarse esta reunión. O plenario estivo presidido polo secretario de Estado de Política Territorial, Arcadi España e o secretario de Estado para a UE, Fernando Sampedro.

Así, incidiu en que pese á reiterada petición das autonomías a que se convocase a reunión, o Executivo estatal fixera caso omiso e non cumpra co que se se recolle no regulamento porque debe ser cando menos, anual, e a última vez que se celebrou foi en 2022. Isto, engadiu, supón “unha desidia do Goberno central no que se refire a estes asuntos e desidia a escoitar ás comunidades”. Por iso, instou a que a próxima reunión se celebre antes do próximo verán.

Diego Calvo tamén trasladou ao Goberno central o malestar de Galicia polo feito de que non se atendese á petición das comunidades para reducir a orde do día prevista e poder abordar con maior profundidade un tema de calado como é o próximo Marco Financeiro Plurianual 28-34. Considera unha “tomadura de pelo” que non se sometese a votación a petición das autonomías e se seguise adiante coa proposta inicial. Ademais, instou ao Executivo estatal a que traslade cal é a súa postura sobre este asunto e, en concreto, por exemplo, sobre a opción de que exista un fondo específico para a Política Agraria Común (PAC) ou do futuro fondos de Cooperación Territorial Europea (Interreg). “O Goberno central sempre di estar de acordo co que trasladamos desde as comunidades pero iso non se traduce logo en feitos”, indicou.

No que se refire á posición de Galicia sobre Marco Financeiro Plurianual, como asegurou o conselleiro, demanda o mantemento dos programas rexionais e un maior nivel de descentralización, acorde co nivel de competencias que se asumen.

Nesta liña, o conselleiro puxo en valor o traballo de Galicia e fixo referencia a que a postura da comunidade neste eido recóllese na Declaración Galicia que se formalizou na reunión excepcional da delegación española no Comité Europeo das Rexións, actualmente presidida polo presidente da Xunta, Alfonso Rueda, o pasado outubro en Santiago de Compostela.

Nesta declaración, as comunidades e os entes locais (representados pola Federación Española de Municipios e Provincias) recollen a súa posición sobre a proposta da Comisión Europea, demandando un orzamento diferenciado para a política de cohesión, a definición de criterios obxectivos de asignación rexional e reclaman que a UE prosiga a apoiar a viabilidade económica do sector primario, dada a importancia estratéxica para a autonomía da UE e a fixación de poboación nas áreas rurais.

Nesta liña, Galicia defende que as rexións deben seguir xogando un papel central na planificación e xestión dos fondos de xestión compartida, así como a necesidade dun orzamento específico, diferenciado e suficiente para lograr unha Política de Cohesión europea máis forte e moderna. Así, co obxectivo de apoiar á agricultura e á pesca, sectores estratéxicos tanto para Galicia como para Europa é preciso unha Europa que reforce a súa gobernanza multinivel e que confíe nas rexións como garantes de proximidade, eficacia e compromiso co proxecto europeo.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 11/02/2026