O conselleiro de Cultura, acompañado da directora xeral de Xuventude, visitou ao clúster tecnolóxico empresarial Bioga, participante nesta iniciativa

A Xunta pecha a oitava edición do Xuventude Mentoring con 160 participantes

López Campos anuncia que o 1 de marzo abrirase o prazo de solicitudes para os interesados en participar na seguinte convocatoria deste programa

O obxectivo desta medida é ofrecer á mocidade acompañamento individual, formación especializada e conexión directa co tecido empresarial galego

Desde a súa posta en marcha, no ano 2021, recibiron asesoramento 1200 mozos e mozas cunha taxa media de inserción laboral superior ao 64%

Santiago de Compostela, 12 de febreiro de 2026

A Xunta de Galicia pecha este mes de febreiro a oitava edición do Xuventude Mentoring tras a participación de 160 participantes que recibiron acompañamento, formación e conexión directa co tecido empresarial. Así o explicou hoxe o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, nunha visita ao  clúster tecnolóxico empresarial das ciencias da Vida de Galicia, Bioga, un dos participantes nesta iniciativa, e na que anunciou que o vindeiro 1 de marzo abrirase o prazo de solicitudes para os interesados en participar na seguinte convocatoria.

Acompañado pola directora xeral de Xuventude, Lara Meneses, o representante do Goberno galego puxo en valor o éxito desta proposta “cuxas cifras de inserción laboral amosan que é unha iniciativa necesaria, demandada e cada vez máis consolidada”. Neste senso, explicou que desde a súa posta en marcha, no 2021, recibiron asesoramento 1200 mozos e mozas cunha taxa media de inserción laboral superior ao 64%.

“Somos conscientes das dificultades da xente nova para descubrir a súa orientación profesional  e por iso seguimos a manter o noso compromiso coa igualdade de oportunidades, co emprego e a nosa aposta firme por este novidoso programa”, explicou López Campos antes de subliñar que “só é posible acadar estas boas cifras grazas á implicación e labor das persoas mentoras, auténticos referentes para unha xeración que busca o seu camiño”.

Cómpre lembrar que, tanto a edición que pecha en febreiro como a que se iniciará en marzo, lévanse a cabo ao abeiro dun convenio de colaboración co Consorcio para o Desenvolvemento de Aplicacións para a Xestión Universitaria dotado con 1,2M€. Trátase, tal e como precisou o conselleiro “do maior investimento feito na historia do Xuventude Mentoring” co fin de favorecer a transición dos mozos e mozas da vida académica á laboral asentándose en catro piares fundamentais.

En primeiro lugar, dáselle prioridade ao traballo coas persoas mentoras con asesoramento e apoio na busca de emprego. En segundo, propóñense diferentes actividades formativas, tanto presenciais coma en liña, que se completan co terceiro piar: a asistencia a eventos de networking e visitas a empresas, destinadas a mellorar a empregabilidade e as redes de contacto. Por último, a través dun equipo de oito titores, lévase a cabo un seguimento continuado dos mozos favorecendo o contacto cos seus mentores.

Ademais do clúster Bioga, tamén están adheridos a este programa numerosas entidades que representan aos sectores de coñecemento e profesionais estratéxicos da nosa Comunidade, como son as tres universidades galegas, clústeres, asociacións profesionais ou empresas como Congalsa, Edicións Xerais de Galicia, Mestrelab, Zendal e Lonza, entre outras.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 12/02/2026