A conselleira de Política Social e Igualdade entrevistada esta mañá no programa Bos Días da Televisión de Galicia

Fabiola García denuncia que a Xunta non pode conceder automaticamente a discapacidade a 2.600 galegos debido ao recurso do Goberno central

Lamenta que o Executivo de Pedro Sánchez actúe desta maneira con Galicia só polo seu afán recadatorio

Advirte da contradición que supón que o Goberno central recorra un modelo que copia na súa proposta para a modificación de Lei de Dependencia, pero quitando os beneficios fiscais aos que teñen dereito estas persoas

Destaca que a Xunta inxectará nas arcas municipais 150 millóns de euros adicionais ata o ano 2028 para financiar o Servizo de Axuda no Fogar (SAF), grazas ao acordo coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp)

Valora a importancia dos novos CIMs móbiles para achegar aos concellos rurais e campus universitarios información e asesoramento en materia de igualdade e de prevención da violencia de xénero

Santiago de Compostela, 13 de febreiro do 2026

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, denunciou hoxe que a Xunta non pode conceder automaticamente a discapacidade a 2.600 persoas con dependencia que a teñen solicitada por culpa do recurso do Goberno central ao Plan de choque. Así o sinalou durante unha entrevista realizada no programa Bos Días, da Televisión de Galicia, na que reclamou ao Executivo de Pedro Sánchez a retirada inmediata deste recurso, que só se explica nun afán recadatorio.

Neste sentido, apuntou que os máis de 12.600 dependentes aos que a Xunta recoñeceu a discapacidade durante o ano de vixencia do Plan de choque supuxeron 114 millóns de euros menos de recadación para o Executivo central no 2025 en Galicia.

A conselleira denunciou que a actuación do Goberno de España “non vai contra a Xunta, vai contra todos os galegos con dependencia, xa que ten consecuencias sobre eles en forma de atrasos, máis atrancos burocráticos e demoras na atención”. De feito, explicou que o recurso obrígaos a someterse a unha nova valoración para obter a discapacidade, a pesar de terse amplamente comprobado que existe unha relación directa entre o grao de dependencia e a porcentaxe de discapacidade.

Fabiola García insiste no contraditorio que é que o Goberno central recorra un modelo que copia na súa proposta de modificación da Lei de Dependencia que está en tramitación no Parlamento. Esta proposta recolle a homologación automática que ata agora aplicaba a Xunta, pero quitando os beneficios fiscais aos que teñen dereito estas persoas.

A conselleira acusou ao Executivo de Sánchez de actuar con Galicia como nunca se atrevería a facelo con Cataluña e o País Vasco. Ao respecto, denunciou as trabas que está a poñer a atención aos dependentes galegos, non só co seu recurso ao Plan de choque senón tamén ao non financiar o 50% da dependencia ao que obriga a Lei. Isto contrasta co acordo entre o Goberno de España e o País Vasco para sufragar a partes iguais (50%-50%) o custo dos servizos, o que supón xerar dependentes de primeira e dependentes de segunda.

Fabiola García lamentou que o Executivo central entorpeza un plan de atención que está demostrando que funciona, con máis de 86.000 expedientes de dependencia e de discapacidade resoltos de maneira favorable nos doce meses que leva en vigor. Un feito que levou á conselleira a concluír que “mentres a Xunta resolve, o Goberno central recorre, retrasa e recauda”.

Acordo histórico para o financiamento do SAF

A titular de Política Social e Igualdade tamén se referiu ao acordo de lexislatura da Xunta coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) para aumentar o financiamento do Servizo de Axuda no Fogar (SAF). Un acordo que considerou “histórico”  co que a Xuta eleva progresivamente ata os 18 euros/hora a súa achega a esta prestación.

Fabiola García destacou que este acordo beneficia aos 23.000 galegos que  son coidados nas súas casas a través do SAF e aos concellos, para os que lles supón un importante alivio económico na prestación deste servizo. En concreto, a Xunta inxectará 150 millóns de euros adicionais nas arcas municipais ata o ano 2028.

CIM móbiles

A conselleira destacou, por outra banda, a posta en marcha dos novos Centros de Información á Muller (CIM) móbiles, para chegar con este servizo aos concellos rurais e aos campus universitarios. Estas unidades reforzan a rede de CIMs de Galicia, formada por 84 centros, achegando información e acompañamento en materia de igualdade e prevención da violencia de xénero a aqueles lugares que carecen destes recursos.

Data de actualización: 13/02/2026