A Xunta abre hoxe o prazo para solicitar o ‘Bono Emancípate’ dotado este ano con 3M€
Poden concorrer as persoas menores de 36 anos cun contrato de alugueiro ou unha escritura de compravenda subscritos con posterioridade ao 30 de abril de 2025
As peticións deben presentarse a través da sede electrónica da Xunta ata o 30 de abril
As axudas, que chegaron o ano pasado a máis de 1.000 persoas, están enfocadas en apoiar á mocidade cos primeiros gastos do fogar como é a compra de mobiliario
Santiago de Compostela, 13 de febreiro de 2026
A Xunta abriu hoxe o prazo para solicitar o Bono Emancípate destinado á mocidade de menos de 36 anos, que terá ata o 30 de abril , ás 20,00 horas (salvo que se produza con anterioridade o esgotamento do crédito orzamentario dispoñible) para presentar as peticións de maneira telemática a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica do Goberno galego.
A iniciativa, á que a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude destina un orzamento de 3 M€, un millón de euros máis que no 2025, ten por obxectivo que os mozos e mozas galegas conten cun incentivo económico á hora de independizarse, xa sexa nunha vivenda alugada ou en propiedade, para sufragar a adquisición de mobiliario ou diversos artigos como os decorativos, obxectos do baño, enxoval de cociña, téxtil ou certos electrodomésticos esenciais.
A esta axuda poden acceder, dentro da franxa de idade indicada, as persoas que cumpran os requisitos recollidos nas bases, como non ter recibido a axuda no 2025, ou outras cuestións como contar, polo menos, cunha fonte regular de ingresos ou que a suma dos ingresos anuais dunha unidade de convivencia sexa igual ou inferior a catro veces o Indicador Público de Renda de Efectos Múltiples (igual ou inferior a tres veces no caso de persoas sen unidade de convivencia). Tamén deben posuír a nacionalidade española ou dalgún dos Estados da Unión Europea ou do Espazo Económico Europeo, así como estar empadroadas na vivenda na que van permanecer.
Neste senso, requírese ser titular dun contrato de alugueiro de vivenda formalizado con posterioridade ao 30 de abril de 2025, cunha duración mínima dun ano, ou no seu caso ter subscrito como adquirente unha escritura pública de compravenda dunha vivenda tamén con posterioridade ao 30 de abril de 2025.
No caso de vivir como arrendatarias, as persoas incluídas na convocatoria recibirán 1.500€ para empregar na tipoloxía de gastos xa mencionados, mentres que as que soliciten a axuda tendo adquirida a súa propiedade a contía será de 3.000€.
Cómpre destacar que, unha vez concedidas e comunicadas as axudas, faranse efectivas a través dunha tarxeta moedeiro virtual que se expedirá a nome da persoa beneficiaria, e que deberá ser usada, con data límite do 31 de decembro de 2026, para compras que se realicen en comercios físicos en Galicia. Así, non se poderá utilizar en compras a distancia.
Alcanzar ao redor de 1. 400 persoas
Coa segunda edición do Bono Emancípate, o Goberno galego continúa a dar resposta ás demandas da xuventude ante as dificultades de acceso a unha vivenda que lles permita iniciar un proxecto de vida independente, complementando as políticas que xa desenvolve neste ámbito cunha proposta diferente, encamiñada neste caso a cubrir outras necesidades como é a cobertura dos gastos que leva consigo a posta en marcha dun fogar.
Na súa primeira convocatoria, no 2025, presentáronse un total de 3.718 solicitudes e, logo de autorizarse unha ampliación de crédito por un importe de 250.000€, que se sumou aos 2 M€ iniciais, a axuda chegou a un total de 1.066 persoas, das cales 584 correspondéronse a mozos e mozas que se emanciparan nunha vivenda de alugueiro e 482 ás que o fixeron en réxime de propiedade.
Así, co incremento do orzamento para esta segunda convocatoria, e dependendo da cantidade de peticións en réxime de alugueiro e de propiedade, estimase chegar a unhas 400 persoas máis.