A Xunta convoca novas accións formativas para socorristas, voluntariado de Protección Civil e persoal de emerxencias
O Diario Oficial de Galicia publica esta semana cinco convocatorias de formación, que suman preto de 1.700 prazas
Os cursos impartiranse ao longo do ano a través da Academia Galega de Seguridade Publica e desenvolveranse nas modalidades en liña, semipresencial e presencial
Santiago de Compostela, 19 de febreiro de 2026
O Diario Oficial de Galicia publica esta semana as convocatorias que no presente ano 2026 impulsa a Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp) para formar persoal de socorrismo, das agrupacións de voluntarios/as de Protección Civil e dos servizos de extinción de incendios, salvamento e emerxencias. As persoas que desexen participar nos cursos convocados deberán cubrir o formulario de matrícula telemática dispoñible na páxina web da Agasp.
En concreto, son cinco as formacións que agora se convocan, dirixidas a aquelas persoas que queiran inscribirse ou renovar a súa inscrición no rexistro profesional de socorristas, necesario para desenvolver esta actividade en Galicia; a aquelas que queiran obter coñecementos básicos de protección civil ou ben, xa sendo persoal dos grupos de voluntariado, ampliar a súa formación; e a aquelas dos servizos de extinción de incendios e salvamento, grupos de emerxencias supramunicipais e servizos municipais de Protección Civil e emerxencias que desexen actualizarse.
Para as persoas interesadas no desenvolvemento do exercicio profesional do socorrismo en Galicia, a Agasp convoca seis novas edicións do curso de formación específica de socorrismo en instalacións e espazos acuáticos naturais. Poderán participar no mesmo persoas maiores de idade, que estean en posesión do título de educación secundaria obrigatoria (ESO) e que, unha vez admitidas no curso, superen a proba combinada con aletas do primeiro módulo formativo. Hai convocadas 150 prazas e o prazo de inscrición estará aberto ata o 26 de febreiro.
Así mesmo, a Agasp pon e marcha dous cursos de reciclaxe de socorrismo acuático para aquelas persoas que queiran renovar a súa inscrición no rexistro profesional do persoal de socorrismo, información e primeiros auxilios de Galicia, que é obrigatorio renovar cada catro anos. Estes cursos, de 16 horas lectivas e presenciais, desenvolveranse entre marzo e maio e as solicitudes poderán realizarse ata o 27 de febreiro. Conta con 235 prazas para os cursos en instalacións acuáticas e con outras 70 para os cursos en espazos acuáticos naturais.
Cursos para voluntariado de Protección Civil
O curso básico de Protección Civil, necesario para ingresar nas agrupacións de voluntariado, contará cun total de 32 horas de formación teórico-práctica que poderá desenvolverse de xeito semipresencial ou presencial nunha ducia de sedes espalladas polas catro provincias galegas. En total, hai dispoñibles 415 prazas.
A aprendizaxe das persoas voluntarias complétase cos cursos de formación continua para o persoal das agrupacións de voluntariado de Protección Civil de Galicia. As accións formativas, que suman preto de 300 prazas, impartiranse entre abril e novembro e teñen carácter presencial, semipresencial ou en liña en función da temática elixida. Así, requírese por exemplo presencialidade na sede da Agasp para asistir ao curso de apoio psicolóxico e manexo do estrés en situacións críticas de emerxencia, mentres que o de socorro en accidentes na estrada é semipresencial e o do uso de Google Earth para dispositivos de emerxencia faise en liña.
O prazo de inscrición para participar nas actividades formativas de Protección Civil estará aberto ata o 2 de marzo para os cursos que comezan antes do 30 de xuño e entre o 22 de xuño e o 31 de xullo para que os que se desenvolvan despois do 30 de xuño.
Formación para persoal de emerxencias
A estas convocatorias de socorrismo e voluntariado de Protección Civil, súmanse tamén preto dunha vintena de cursos de formación continua destinados ao persoal dos servizos de extinción de incendios e salvamento, aos Grupos de Emerxencias supramunicipais (GES) e oos servizos municipais de Protección Civil e emerxencias de Galicia. As accións formativas suman máis de 490 prazas e desenvolveranse entre marzo e maio e entre outubro e novembro.
As formación apoian o labor realizado de xeito cotiá polo persoal dos distintos servizos de emerxencias, con contidos como rescate en ríos, riadas e inundacións, en ascensores ou na contorna urbana. Abórdanse tamén as intervencións con autoescaleiras, con risco eléctrico, con vehículos especiais ou en espazos confinados, así como investigación causal de incendios, uso de medios de extinción non habituais ou normativas e prevención de riscos de incendios e emerxencias. En función das temáticas, a maioría destes cursos desenvolveranse nas modalidades presencial e en liña. O dedicado á apertura de portas en edificios e vehículos será semipresencial.
Como no caso das formación continua para o persoal de voluntariado de Protección Civil, o prazo de inscrición destes cursos estará aberto ata o 2 de marzo para os cursos que comezan antes do 30 de xuño e entre o 22 de xuño e o 31 de xullo para que os que se desenvolvan despois do 30 de xuño.
Centro formativo de referencia
A Agasp é o centro de referencia na formación das forzas e corpos de seguridade en Galicia e tamén dos servizos de emerxencias. Ademais de preparar as novas promocións de Policía Local, ofrece cursos con contidos actualizados e adaptados á realidade do seu traballo diario para garantir a seguridade da cidanía galega.
Estes cursos enmárcanse no plan de formación previsto pola Agasp no presente ano 2026 dirixido ao persoal dos servizos de emerxencias que actúan en Galicia e que foi aprobado esta mesma semana na xuntanza do Consello Reitor da entidade. NO eido das emerxencias ofértanse case 7.500 prazas para realizar preto de 9.000 horas lectivas nas 250 accións formativas programadas para voluntarios de Protección Civil e efectivos dos Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES), así como axentes forestais e ambientais. Inclúese tamén aquí a formación en materia de socorrismo impartida para a inscrición no Rexistro Profesional de persoal socorrista e que foi convocada o pasado martes.