O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude celebrou o Día da Lingua Materna por adiantado nunha escola infantil ourensá
López Campos destaca a importancia das actividades lúdicas coa cativada a prol do galego
O centro Virxe de Covadonga festexa esta data, que terá lugar o vindeiro sábado, cunha peza teatral coa que colabora a Xunta
Incide “na implicación dos centros con este tipo de efemérides para poñer en valor e prestixiar o noso idioma propio nun marco de diversidade lingüística”
Ourense, 19 de febreiro de 2026
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, celebrou hoxe por adiantado o Día da Lingua Materna (que ten lugar o 21 de febreiro) coa cativada da escola infantil pública Virxe de Covadonga, en Ourense, onde os nenos e nenas gozaron de Latexos, unha actividade de dinamización lingüística na que colabora a Xunta de Galicia.
Neste senso, o responsable autonómico de Lingua, destacou a “importancia de realizar accións lúdicas cos máis pequenos relacionadas co galego nos espazos nos que socializan”. Así, lembrou, “é esencial botar man de datas sinaladas para poñer en valor o noso idioma propio, nun contexto de diversidade lingüística, de maneira que o prestixiemos entre as novas xeracións, que serán as encargadas de usalo e preservalo no futuro”.
Ademais, López Campos felicitou ao centro ouresán pola iniciativa particular posta en marcha para conmemorar o 25 aniversario da efeméride, coa elaboración dunha escultura con palabras significativas para o alumnado. “A implicación e participación do persoal dos centros e das familias é sempre de agradecer, porque complementan as propostas institucionais, reforzando a idea de que a lingua é de todos e todas”, apuntou.
Nesta liña, o conselleiro fixo fincapé noutros programas que se desenvolven nos recintos escolares no tempo de lecer, neste caso nos colexios de Educación Infantil e Primaria, como son 21 días co Galego e +, finalizado recentemente, Falamos + ou Nós tamén creamos! que, puntualizou, “enmárcanse na senda de actuacións coas que desde a Xunta poñemos o foco na cativada e a na xuventude para impulsar nestas idades, coa participación voluntaria dos centros, o uso e a presenza da lingua”.
Ademais do conselleiro, José López Campos, ao acto tamén asistiron o secretario xeral da Lingua, Valentín García, e o director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, así como persoal do centro.
Salvagarda da diversidade lingüística
A Unesco proclamou o Día Internacional da Lingua Materna en 1999 co obxectivo de promover o plurilingüismo e a diversidade cultural, así como para sensibilizar sobre a importancia dos idiomas, celebrándose por primeira vez no ano 2000. Tras a súa adopción oficial pola ONU o 21 de febreiro do 2002, a Xunta de Galicia súmase a esta efeméride de xeito ininterrompido desde 2010, impulsando a promoción e a transmisión interxeracional do galego.
Cómpre destacar que cada ano o organismo elixe un tema arredor do que xira esta celebración e que nesta ocasión incide no 25 aniversario e mais na salvagarda da diversidade lingüística, recoñecendo que todas as linguas do mundo son esenciais para a educación, constituíndo o principal medio de transmisión de coñecementos e preservación das culturas.