A Xunta aproba inicialmente o Plan Básico Municipal do concello de Antas de Ulla, que disporá dun instrumento eficaz de ordenación do territorio

A directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, informou hoxe deste trámite á alcaldesa deste municipio, Pilar García Porto

Esta ferramenta permitirá ao concello lugués ofrecer capacidade de acollida residencial e económica

O plan para este concello, que conta cunha poboación de 1.825 habitantes, clasifica un ámbito de solo urbano consolidado, 93 núcleos rurais nun total de 28 parroquias e cataloga 275 elementos do patrimonio cultural

A Xunta promove Plans Básicos Municipais en concellos de menos de 5.000 habitantes que non contan con planeamentos xerais para impulsar unha ordenación urbanística responsable e sostible

Antas de Ulla (Lugo), 19 de febreiro de 2026

A Xunta vén de aprobar de forma inicial o Plan Básico Municipal (PBM) do concello de Antas de Ulla para dotar o municipio lugués dun instrumento eficaz de ordenación do territorio.

A directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, xunto co director territorial da Consellería de Vivenda, Marco Antonio Fernández Piñeiro, informou hoxe á alcaldesa de Antas de Ulla, Pilar García Porto, da aprobación inicial deste plan.

Trátase dun instrumento urbanístico básico que permitirá ao municipio ofrecer capacidade de acollida residencial e económica.

Tras a aprobación inicial de hoxe, o documento someterase a información pública durante dous meses e solicitaranse todos os informes sectoriais preceptivos previos á súa aprobación definitiva.

O Plan para este concello, que conta cunha poboación de 1.825 habitantes, clasifica un ámbito de solo urbano consolidado, así como un total de 93 núcleos rurais, repartidos en 28 parroquias. Deles, 58 son tradicionais e 35 combinan partes tradicionais e comúns.

Ademais o plan contén un Catálogo que abrangue un total de 275 elementos de patrimonio cultural. Deles, 45 son Bens de Interese Cultural (BIC) e 230 son bens catalogados. Entre os BIC hai 33 bens arqueolóxicos (petroglifos), 5 arquitectónicos e 7 etnolóxicos. Por outra banda, entre os elementos catalogados hai 69 arqueolóxicos, 68 arquitectónicos e 93 etnolóxicos.

A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, a través da Dirección Xeral de Urbanismo, está a promover os Plans Básicos Municipais en concellos de menos de 5.000 habitantes que non contan con planeamentos xerais. O obxectivo da Xunta é dotar a estes municipios dunha ferramenta que permita impulsar unha ordenación urbanística responsable e sostible.

Na actualidade, hai 5 PBM aprobados definitivamente: Trabada, Riotorto, Ribeira de Piquín, O Páramo e Alfoz. Ademais, hai 16 PBM con aprobación inicial: Triacastela, Cartelle, Padrenda, Porqueira, San Xoán de Río, Guntín, Punxín, Dozón, Viana do Bolo, Lobeira, Beariz, Negueira de Muñiz, Samos, San Cristovo de Cea, San Amaro e agora Antas de Ulla, así como outros tres PBM que se atopan no proceso de avaliación ambiental estratéxica.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 19/02/2026