Medio Rural celebra a primeira reunión para a posta en marcha do Observatorio de prezos de Galicia

O director xeral da PAC e do Control da Cadea Alimentaria presidiu hoxe esta xuntanza para desenvolver este instrumento, enmarcado no paquete de medidas proposto pola Xunta para protexer o sector primario ante as implicacións do acordo UE-Mercosur

A través deste mecanismo farase un seguimento continuo dos prezos dos produtos agroalimentarios, para ter así a capacidade de actuar no caso de detectar alteracións

Nesta xuntanza estiveron presentes representantes da lonxa de Silleda e de Ternera Gallega, así como de diferentes organizacións profesionais agrarias, cooperativas e consellos reguladores, representados pola Axencia Galega da Calidade Alimentaria

Santiago de Compostela, 19 de febreiro de 2026

O director xeral da PAC e do Control da Cadea Alimentaria, Juan José Cerviño, acompañado polo director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, presidiu hoxe a primeira reunión de conformación do Observatorio de Prezos de Galicia.

Este novo mecanismo enmárcase dentro do paquete de medidas, a curto e longo prazo, proposto pola Consellería do Medio Rural para defender aos agricultores e gandeiros galegos ante as implicacións que terá o acordo entre a Unión Europea e Mercosur no sector primario. A través deste Observatorio farase un seguimento continuo dos prezos dos produtos agroalimentarios, para ter así a capacidade de actuar no caso de detectar alteracións.

O obxectivo desta reunión foi avanzar cara o desenvolvemento deste instrumento, que xogará un papel fundamental no impulso do sector primario neste novo escenario de comercio internacional. Posteriormente, haberá máis xuntanzas para poñer en común os logros acadados e formular as futuras liñas de traballo. Nesta reunión estiveron presentes representantes da lonxa de Silleda e de Ternera Gallega, así como diferentes organizacións profesionais agrarias, cooperativas e consellos reguladores, representados pola Axencia Galega da Calidade Alimentaria.

Paquete de medidas impulsado polo Goberno autonómico

O paquete de medidas impulsado polo Goberno autonómico inclúe tamén actuacións como o desenvolvemento dun amplo plan de control específico en Galicia sobre as importacións; o reforzo da estratexia de promoción dos produtos galegos, de cadea de distribución curta e de proximidade, e o deseño dunha estratexia de impulso a exportación, así como a realización de campañas de sensibilización dos consumidores para incrementar o consumo da produción propia.

Por outra banda, cómpre lembrar que a Consellería do Medio Rural subscribiu a pasada semana unha declaración conxunta, con Unións Agrarias e a Asociación Agraria de Galicia (Asaga), para que, no caso de que o tratado con Mercosur entre en vigor, se demande unha aplicación práctica reforzada do acordo e as súas cláusulas de salvagarda. Este escrito inclúe 11 peticións á Unión Europea e ao Goberno central, así como compromisos en Galicia, para protexer e impulsar o sector primario.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 19/02/2026