A Xunta enxalza a calidade dos produtos agroalimentarios galegos na feira Expogrelo
As conselleira do Medio Rural e de Medio Ambiente e Cambio Climático asistiron hoxe a esta celebración, centrada na exaltación deste produto, un dos máis destacados da gastronomía de Galicia
O grelo conta cunha IXP propia, que no 2025 acadou unha produción certificada de máis de 215.000 quilogramos cun valor económico estimado superior aos 430.000 euros, un incremento considerable en comparación co ano anterior
Abadín (Lugo), 21 de febreiro de 2026
As conselleiras do Medio Rural, María José Gómez; e de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez; acompañadas polo director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte; e o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, asistiron hoxe á feira Expogrelo de Abadín, centrada na exaltación deste produto, ao que catalogaron como un dos máis destacados da nosa gastronomía, especialmente nesta época do ano.
Gómez destacou que esta produción, dada a súa relevancia na nosa comunidade, goza dunha Indicación Xeográfica Propia, que conta cunha superficie sementada de case 70 hectáreas e 194 produtores inscritos. Segundo os últimos datos dispoñibles, correspondentes ao ano 2025, esta IXP acadou unha produción certificada de algo máis de 215.000 quilogramos, cun valor económico estimado superior aos 430.000 euros, o que supón un incremento considerable en consideración co ano anterior.
Seguindo esta liña, a conselleira do Medio Rural salientou que esta IXP é un dos 36 selos de calidade cos que contamos na nosa comunidade, e que converten a Galicia na terceira comunidade autónoma con distintivos deste tipo. Por outra banda, resaltou a importancia que teñen este tipo de festividades para o rural galego, xa que dinamizan social e economicamente estas contornas e favorecen as canles curtas de comercialización, ao poñer en contacto a produtores e consumidores.