A Xunta destaca o papel da Business Factory Food como motor da modernización do sector agroalimentario galego

A directora do Igape, Covadonga Toca, participou hoxe na inauguración do Infoday da VIII Edición desta aceleradora, onde puxo en valor o crecemento do ecosistema innovador galego e o modelo de colaboración público-privada da Rede de Business Factories

Destaca que a aceleradora leva apoiados 92 proxectos desde 2019, impulsando 68 empresas, máis de 250 empregos cualificados e mobilizando máis de 6 millóns de euros en investimento

Subliña que o Goberno galego avanza na futura Estratexia de Innovación Empresarial 2026-2028 para “industrializar a innovación” e reforzar a competitividade do tecido produtivo galego

Santiago de Compostela, 20 de febreiro de 2026

A directora do Igape, Covadonga Toca, reafirmou hoxe o compromiso da Xunta coa innovación como eixo estratéxico de competitividade durante a inauguración do Infoday da VIII Edición da aceleradora Business Factory Food (BFFood), un programa integrado na Rede Galega de Business Factories que impulsa a modernización do sector agroalimentario a través da tecnoloxía e do emprendemento innovador.

Neste marco, Toca Carús asegurou que Galicia vive “un momento especialmente favorable para a innovación”, cun ecosistema “diverso, equilibrado e en crecemento, onde a innovación xa non se concentra nun único sector nin nun único territorio, senón que se estende por toda a Comunidade”.

Durante a súa intervención puxo en valor o avance do sistema galego de innovación, salientando o aumento do esforzo en I+D, a maior implicación das empresas e a evolución positiva do ecosistema tecnolóxico. Tamén subliñou a importancia da colaboración empresarial e o dinamismo crecente de Galicia como referente innovador no conxunto do país.

Así mesmo, explicou que a estratexia da Xunta se basea na especialización sectorial, na colaboración público-privada e na conexión co mercado, co obxectivo de construír un sistema de innovación sólido, coordinado e orientado a resultados. Neste contexto, sinalou a Rede Galega de Business Factories como un exemplo deste modelo, ao facilitar a conexión entre talento emprendedor, industria, mercado e financiamento.

Innovación aplicada ao sector agroalimentario

No caso concreto de BFFood, lembrou que desde a súa posta en marcha en 2019 apoiou 92 proxectos, impulsou 68 empresas distintas, xerou máis de 250 empregos cualificados e mobilizou máis de 6 millóns de euros de investimento.

Máis alá das cifras, destacou que a aceleradora representa “a modernización do sector agroalimentario galego a través da tecnoloxía”, con startups que desenvolven solucións en ámbitos como a automatización, a dixitalización, a biotecnoloxía, as novas proteínas, a valorización de subprodutos ou a loxística intelixente.

Estratexia 2026-2028: escalar e competir

Durante o acto, a responsable do Igape lembrou tamén que a Xunta está a impulsar a futura Estratexia de Innovación Empresarial de Galicia 2026-2028, cunha folla de ruta orientada a situar a innovación como “unha capacidade estrutural do noso tecido produtivo, non como algo puntual ou accesorio”.

A nova planificación priorizará unha maior intensidade tecnolóxica nas empresas, unha conexión máis estreita entre coñecemento e industria e unha maior escalabilidade e internacionalización dos proxectos innovadores, garantindo ademais que a innovación “se transfira, se adopte, se escale e chegue ao mercado”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 20/02/2026