O Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia oferta 100 prazas para realizar visitas guiadas a Cíes, Ons e Cortegada entre febreiro e abril
No marco do programa Descubrindo o Parque Nacional, este ano ofrécense seis visitas guiadas entre finais de febreiro e o mes de abril
As persoas que queiran participar nalgunha das rutas ofertadas poderán anotarse ata catro días antes da data da visita nas oficinas do Centro de Visitantes do Parque Nacional en Vigo ou na propia web de reservas
A actividade será de balde e impartirana os propios guías do parque nacional de forma que os visitantes só terán que asumir o custo do seu desprazamento ás illas
Santiago de Compostela, 23 de febreiro de 2026
O Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia ofrecerá entre os meses de febreiro e abril un total de 100 prazas para participar en rutas guiadas polos arquipélagos de Cíes, Ons e Cortegada co fin de dar a coñecer os seus principais valores nunha época na que moitos procesos naturais se poñen en marcha nas illas.
Con esta iniciativa búscase promover a desestacionalización das visitas ás Illas Atlánticas e, ademais, dáse a oportunidade de achegarse aos arquipélagos dun xeito ordenado, sostible e da man do equipo de guías do Parque Nacional. De feito, cada ano por estas datas detéctase un interese maior por participar nestas actividades. Desde a súa posta en marcha pola Xunta no ano 2014, xa participaron neste programa máis de 1.600 persoas.
En concreto, este ano a través do programa Descubrindo o Parque Nacional, ofrécense seis visitas guiadas entre finais de febreiro e o mes de abril. A temática das rutas é moi diversa; dende o carácter histórico e botánico da illa de Cortegada con O segredo dun bosque no mar, ata os lugares pouco coñecidos de Ons coa ruta A Illa e o mar ou a nomenclatura das súas contornas con Unha illa de nomes. No caso de Cíes, coñeceremos a historia deste arquipélago coa ruta Unha Viaxe no tempo.
As rutas, que son recomendadas para maiores de 12 anos, faranse con grupos reducidos co obxectivo de ofrecer unha experiencia de calidade. Ademais, para dar a oportunidade de participar ao máximo número posible de persoas, os interesados só poderán apuntarse a unha delas. Con todo, habilitarase unha lista de agarda coa que cubrir posibles baixas.
Condicións e pasos para participar
Xa está aberto o prazo de inscrición e as persoas que queiran participar nalgunha das rutas ofertadas poderán anotarse ata catro días antes da data da visita nas oficinas do Centro de Visitantes do Parque Nacional en Vigo ou na propia web de reservas.
A actividade guiada na Illa é de balde, pero cada persoa ten que asumir os gastos de transporte no barco contratado. O importe aboarase á navieira correspondente con anticipación, unha vez o parque lle envíe un correo electrónico cos datos de pago.
A dirección do Parque Nacional reservarase tamén o dereito de cancelar a actividade ou modificar os seus horarios en función do número de inscricións, das condicións meteorolóxicas ou doutras causas de forza maior, avisando en calquera caso con antelación a todas as persoas confirmadas.
No caso de non conseguir praza para participar na ruta desexada, a persoa interesada pode apuntarse na lista de agarda, por se houbera posibles desestimentos.
A continuación detállanse o calendario previsto, os portos de saída e o número de prazas das seis rutas que se ofertan en total nas tres illas:
|
Illa |
Data |
Ruta |
Porto |
Prazas |
|
Ons |
28 febreiro |
Bueu |
20 |
|
|
14 abril |
Bueu |
20 |
||
|
Cíes |
14 marzo |
Vigo |
20 |
|
|
Cortegada |
7 marzo |
Vilagarcía |
14 |
|
|
21 marzo |
Carril |
15 |
||
|
26 de abril |
Vilagarcía |
11 |