Avanzan a bo ritmo as obras da glorieta na zona do acceso a Cequeliños, no concello de Arbo
Instalarase unha glorieta e mellorarase o firme
A actuación permitirá mellorar a seguridade viaria da zona
Arbo (Pontevedra), 23 de febreiro de 2026
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou esta mañá, xunto ao alcalde de Arbo, Horacio Gil, o avance das obras de mellora da intersección na PO-400, á altura do acceso a Cequeliños.
En concreto, os traballos lévanse a cabo na zona que vai do acceso a Mandelos ata o acceso ao lugar de Cequeliños e consisten na instalación dunha glorieta que permitirá aliviar o tráfico desta zona e reordenar as interseccións próximas.
As actuacións tamén permitirán mellorar o trazado da antiga PO-400, ampliando os carrís ata os tres metros de ancho, así como as beiravías, que contarán cun ancho de entre 0,3 e 0,5 metros, dependendo da zona. Ademais, rehabilitarase o pavimento en todo o trazado. En total, actuarase sobre pouco máis de un quilómetro de vía, concretamente entre o punto quilométrico 23+350 e o punto quilométrico 24+500.
O proxecto, que contará cun orzamento de máis de 355.000 euros, permitirán mellorar a comodidade dos condutores que pasan pola zona, pero tamén a seguridade dos veciños e veciñas da zona, que hoxe se achegaron ata o punto onde se vai realizar a rotonda para escoitar as explicacións dos técnicos da consellería.
O delegado territorial aproveitou a visita para agradecer a paciencia dos veciños que “teñen que lidar cunhas obras que, como todas, poden ser molestas pero que, sen dúbida, suporán unha importante mellora para a zona”.