Medio rural desenvolve un plan piloto de formación en escolas de hostalería con cociñeiros de renome para promover os produtos de calidade diferenciada
A titular deste departamento asistiu hoxe á demostración levada a cabo no CIFP Carlos Oroza, en Pontevedra, unha das catro organizadas ao abeiro desta iniciativa
Ademais de showcookings de cociña, o programa inclúe espazos de diálogo abertos entre os cociñeiros do Grupo Nove e o alumnado; así como encontros con produtores certificados
María José Gómez asegurou que se trata dunha “oportunidade única” para dar a coñecer estes produtos entre os futuros profesionais da hostalaría, ao tempo que se impulsa e economía e se enxalza o bo facer dos produtores
Pontevedra, 24 de febreiro de 2026
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, asistiu hoxe a unha masterclass de cociña no CIFP Carlos Oroza, enmarcada dentro do novo plan piloto de formación que está a desenvolver a Consellería en escolas de hostalaría en colaboración co Grupo Nove, co fin de promover e fomentar o uso de produtos agroalimentarios de calidade diferenciada neste sector. Ao acto tamén acudiron o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte; e o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera.
Trátase dunha iniciativa que se está desenvolvendo en catro centros formativos, un por cada provincia. A primeira xornada tivo lugar onte mesmo no CIFP Vilamarín, en Ourense. As próximas sesións serán a vindeira semana, os días 3 e 5 de marzo no CIFP Compostela e no IES de Foz, respectivamente.
Ademais das demostracións de cociña, impartidas por profesionais desta agrupación gastronómica, o programa inclúe espazos de diálogo abertos entre os cociñeiros do Grupo Nove e o alumnado, que se complementarán con encontros con produtores amparados baixo indicativos de calidade.
En relación coa colaboración con cociñeiros de renome, a conselleira agradeceu a participación nesta xornada de Iván Domínguez e Yayo Daporta. O showcooking artéllase ao redor de tres receitas, nas que se empregan de xeito exclusivo produtos galegos de calidade diferenciada. Neste sentido, Gómez asegurou que se trata dunha “oportunidade única” para dar a coñecer estes produtos entre os futuros profesionais da hostalaría, ao tempo que se impulsa e economía e se enxalza o bo facer dos produtores.
Espazos de diálogo e encontros entre produtores
Por outra banda, nos espazos de diálogos os estudantes poderán formular as súas dúbidas e inquedanzas sobre a realidade actual da profesión, as condicións do sector e as distintas opcións laborais existentes na hostalería. O obxectivo, sinalou a conselleira, é fomentar un intercambio directo entre profesionais en activo coas futuras xeracións.
A maiores, os encontros cos produtores certificados permitiranlle ao alumnado o coñecemento, en primeira persoa, nocións sobre a orixe dos alimentos, os procesos produtivos desenvolvidos, a trazabilidade e o valor engadido.
36 selos de calidade diferenciada
Seguindo esta liña, Gómez destacou a “amplitude e versatilidade” da nosa gastronomía, que conta con ata 36 Indicacións Xeográficas Protexidas e Denominacións de Orixe, o que converte a Galicia na terceira comunidade autónoma con máis selos deste tipo, aos que hai que engadirlle os distintivos de agricultura ecolóxica e Artesanía Alimentaria.