A consellería do Medio Rural e a Federación Galega de Municipios e Provincias reforzan a súa colaboración para a promoción do selo artesanía alimentaria
O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, reuniuse hoxe co presidente da Fegamp para avanzar no apoio da administración local a este distintivo
Santiago de Compostela, 24 de febreiro de 2026
O director xeral da Axencia Galega da Calidade Alimentaria da Consellería do Medio Rural, Martín Alemparte, reuniuse este mediodía co presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), Alberto Varela. O encontro, que tivo lugar na sede deste organismo, serviu para presentar, por parte do representante da Xunta, o selo Artesanía Alimentaria e para buscar posibles vías de colaboración para a súa promoción co apoio da administración local.
Trátase de procurar sinerxías entre ambas administracións co fin de poñer en valor este indicativo creado por Medio Rural e contribuír á difusión, promoción e defensa da artesanía alimentaria. Con respecto a esta última finalidade, o obxectivo é evitar posibles fraudes no uso do termo artesán ou na celebración de festas de produtos de artesanía. Neste sentido, cómpre lembrar que só poden incorporar este distintivo os produtos que estean debidamente amparados polo mesmo.
Hai que sinalar, nesta liña, que Artesanía Alimentaria protexe a actividade de elaboración, manipulación e transformación de alimentos caracterizada pola suxeición a determinadas condicións durante todo o proceso que garanten aos consumidores un produto final individualizado, seguro desde o punto de vista hixiénico-sanitario, de calidade e con características diferenciais. Garante que foi obtido grazas ás pequenas producións controladas pola intervención persoal do artesán.
Na actualidade están inscritos neste selo un total de 145 operadores de toda Galicia, que pertencen aos diferentes grupos de produción regulados mediante norma técnica, como panadaría e confeitaría, derivados lácteos, conservas vexetais, mel, cervexa, aceites, licores ou marmeladas, entre outros.