A Xunta agradece a participación dos centros educativos nas xornadas de orientación de Ferrol clave para guiar as opcións formativas do alumnado
A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, visita o evento, no que 33 centros e institucións escolares amosan a súa oferta formativa
Ferrol, 25 de febreiro de 2026
A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, participou hoxe nas VII Xornadas de Orientación da Comarca de Ferrol, coa que se busca reforzar a orientación vocacional do alumnado e dar visibilidade ao labor dos centros educativos.
No encontro participan 33 centros e institucións educativas que presentan a súa oferta formativa ao alumnado da comarca. Ao longo da xornada celébranse tamén relatorios destinados a ofrecer unha visión das diferentes opcións académicas e profesionais dispoñibles.
Durante a súa visita, Judith Fernández felicitou a docentes, estudantes e equipos directivos pola calidade e creatividade das propostas expostas. A directora xeral destacou tamén o papel destas xornadas na promoción das ensinanzas de Formación Profesional. Na área de Ferrol rexístranse este curso 5.042 matriculacións, o que supón un incremento do 3,6 % respecto ao curso anterior. Neste sentido, subliñou que este tipo de iniciativas constitúen “unha oportunidade para que o alumnado poida tomar decisións informadas sobre o seu futuro, explorar itinerarios formativos e ampliar horizontes”.