A Xunta aposta en Ferrol pola recuperación de receitas tradicionais e a cociña de fusión a través do proxecto ‘Pan de Barco’

 A delegada territorial da Xunta, Martina Aneiros, presentou esta mañá a proposta promovida polo Concello de Ferrol co apoio de Turismo de Galicia

A iniciativa inclúe a celebración dun showcooking a cargo de cinco cociñeiros ferroláns o próximo 4 de marzo

Ferrol, 25 de febreiro de 2026

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, participou esta mañá na presentación do proxecto gastronómico Pan de Barco, unha iniciativa promovida polo Concello de Ferrol que conta coa colaboración de Turismo de Galicia.

Pan de Barco, que celebra xa a súa segunda edición, contará coa participación dos cociñeiros Alex Martínez e Mar Lago, de Bacelo; Adrián Pérez Regueiro, de Sinxelo; Adrián López Vázquez, de Vanessa; e Álvaro González, de A Maruxaina, ademais de contar coa coordinación de Dani López, de O camiño do inglés. Desta volta, os cociñeiros elaborarán, tras unha labor de investigación previa, receitas inspiradas nas culturas dos barcos que navegaron entre Ferrol e outros portos estranxeiros ao longo dos últimos tres séculos. Unha novidade desta edición será a presenza da historiadora Anabel Bello, que aportará unha visión divulgativa sobre as navegacións dos barcos construídos en Ferrol e a importancia do pan de barco como sustento.

Esta iniciativa busca recuperar receitas vinculadas á navegación ou propostas fusionadas de tradicións culinarias doutras latitudes traballando con ingredientes galegos coa fin de divulgalas nun showcooking que terá lugar o próximo 4 de marzo no Antigo Hospicio de Ferrol.

A delegada territorial destacou a proposta pola súa repercusión turística e gastronómica e reivindicou a súa simbiose co modelo que está a promover o Goberno galego a través da marca ‘Galicia Calidade’, “un selo que aposta por potenciar o noso, articulando un turismo respectuoso con foco na calidade e na sustentabilidade, respectando así a nosa contorna e o desenvolvemento do territorio”, sinalou.

Aneiros felicitou ao Concello de Ferrol “liderar unha vez máis esta iniciativa que une pasado, presente e futuro e que é exemplo de como a historia, a innovación e a diversidade poden convivir e complementarse”. Tamén animou aos ferroláns a enorgullecerse “dunha industria gastronómica cun potencial enorme“.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 25/02/2026